As pragas e fungos propiciadas polo cambio climático: "Fan a castaña inservíbel"

Un home apaña entre os ourizos as castañas que ao seu paso. (Foto: Nós Diario).
Os soutos de castiñeiros centran desde a pasada segunda feira as XXIV Xornadas Luis Asorey que organiza a Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa USC. Na xornada inaugural, o salón de actos da Deputación de Lugo acolleu o primeiro relatorio do sete previstos até o 22 de novembro sobre os bosques de castiros e a súa pegada produtiva, ecolóxica e social na Galiza.

O bosque de castiñeiro é un dos máis importantes da Galiza. Segundo o IV Inventario Forestal Nacional (2013), en todo o territorio hai unhas 50.000 hectáreas dedicadas a esta especie, das cales unhas 30.000 poden considerarse soutos, localizados fundamentalmente nas comarcas de montaña. "O castiñeiro foi e segue sendo unha árbore moi importante para a xente galega do rural". É unha árbore resistente e moi ben adaptada ás nosas condicións ecolóxicas, explica a Nós Diario Antonio Regueiro, profesor emérito do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, coordinador e primeiro relator, esta segunda feira, no pazo de San Marcos.

"O castiñeiro é moi resiliente e iso permítelle aguantar as doenzas que xa desde mediados do século XIX están a magoar esta especie. O mal da tinta causou grandes estragos desde entón, esa á que os paisanos chamaban filoxera, que daquela afectaba a viña. No caso do castiñeiro non era un verme senón un fungo que fixo desaparecer moitos soutos na Galiza, sobre todo nas zonas máis baixas".

Pragas e cambio climático

Resistiron mellor os castiros vellos de montaña, que hai uns anos viraron a atención cara ao chancro do castiñeiro, "que segue prexudicando moitos soutos", e cara á avespiña asiática que tamén afecta esta árbore. "Na última década supuxo unha mingua importante da produción de castaña, mais estase atallando con un parasitoide, o Torimus sinensis, que fai certo control biolóxico da praga, cuxos danos parece que comezan a diminuír".

A campaña deste ano, "que se presumía moi boa despois de varias temporadas de colleitas cativas", trouxo novos problemas sanitarios, afirma Regueiro. "Víanse moitos ourizos e as expectativas eran boas, mais a humidade no mes de setembro e unhas temperaturas excesivamente altas a comezos do outono crearon as condicións idóneas para que outras pragas e fungos pouco daniños até agora, como a Gnomoniopse castaneae, deixasen inservíbel entre 40 e 50% das castañas que chegaron a madurar".

A mellora xenética promove castiñeiros máis resistentes a doenzas e pragas, máis produtivos e máis resilientes ante o cambio climático

As primeiras castañas da temporada chegaron a pagarse a tres euros o quilo, mais co paso dos días o prezo foi caendo até rebaixar o limiar do euro. "Hoxe xa non se comercializan, ninguén as quere porque están estragadas, negras, podres, incomestíbeis mesmo para os animais".

Un bosque exemplar

Malia todas as doenzas que soporta, o souto de castiñeiros é un bosque exemplar, asegura Regueiro. Aos bosques atribúeselles unha tripla función: produtiva, de froito e de madeira; ecolóxica, protección dos solos, da biodiversidade, da calidade das augas, e social, ligada á creación de emprego e á consolidación de poboación nun lugar.

"O souto de castiñeiros é un ecosistema que cumpre as tres funcións de forma moi relevante e que fai parte da Rede Natura 2000, que hai que conservar. Son bosques que teñen unha importancia económica, ecolóxica, cultural, paisaxística e xenética", afirma.

Mellora xenética

A mellora xenética dos castiros para obter castañas selectas e de máis calidade ou madeira nobre é unha das liñas de traballo e investigación actuais. "Lógrase facendo cruzamentos entre variedades de castiñeiro do país ou entre clons híbridos, resistentes á tinta ou adaptados aao clima", explica Regueiro, quen describe, no remate, castiñeiros máis resistentes a doenzas e pragas, máis produtivos e máis resilientes ante o cambio climático.

Neste sentido, estanse a promover novas plantacións de castiñeiros enxertados, nomeadamente na zona da Indicación Xeográfica Protexida 'Castaña da Galiza', "mais o plan estratéxico aprobado hai agora un ano pola Xunta da Galiza busca estendelas a todo o territorio". Quere darlle pulo á castaña, impulsar novos soutos e recuperar os vellos, moitos deles, centenarios, conclúe o profesor Regueiro.