“O estado en que se atopa o souto é lamentábel”, explica o parlamentario nun texto difundido nas súas redes sociais, “boa parte dos castiñeiros están afectados pola avespiña do castiñeiro e polo chancro. E levan anos sen chapodar”. A maiores, a limpeza do lugar -propiedade da Xunta- deixa moito que desexar e a maleza medra entre as árbores, o que aumenta “o risco de propagación do lume” no caso de incendio forestal.
O Souto de Rozavales non só acolle especimes únicos de castanea sativa (castiñeiro), algún de máis de mil anos, segundo sinala Rodríguez. É tamén parte da zona de especial protección dos valores naturais e da zona especial de conservación Macizo Central. O bosque e en concreto o castiñeiro de Pumbariños fan parte do Catálogo de Árbores Senlleiras do Executivo galego.
“Este souto constitúe unha mostra exemplar do tipo de bosques explotados secularmente por campesiñas e campesiños galegos para a obtención de castañas e madeira, e son un elemento fundamental do noso patrimonio cultural e natural”, entende Davide Rodríguez.
O Grupo Mixto e o partido En Marea esixen así á Xunta que “elabore un plan anual de mellora e mantemento deste souto” e, de maneira urxente, “unha partida económica para facer os traballos de demouca, roza e vacinación contra o chancro e a solta de torimus sinensis para combater a avespiña”.
Nota: o castiñeiro de Pumbariños. Foto: Galipedia (Josep Álvarez Pérez).