Colleitas "catastróficas" de castaña durante anos: Unións Agrarias pide solucións á Xunta

Unión Agrarias exixe un estudo das causas da crise na produción de castañas en cada comarca.
Castaña caída prematuramente. Ao abrila, pódese observar a presenza de bicho (Foto: Nós Diario).
photo_camera Castaña caída prematuramente. Ao abrila, pódese observar a presenza de bicho (Foto: Nós Diario).

Unións Agrarias (UUAA) remitiu esta terza feira un informe á Xunta da Galiza no que alertou sobre a situación crítica da produción de castaña, que encadea un total de seis anos de colleitas "catastróficas". Por iso, urxe un plan de protección ao Executivo.

O informe enumera as diferentes problemáticas dos últimos anos: a seca e as xeadas en 2017; o impacto da vespiña 'Dryocosmus' en 2018, 2019 e 2020; a antracnose do castiñeiro en 2021 e a seca en 2022.

Por iso, empraza á Xunta a "dar un paso á fronte e pór en marcha medidas", xa que este sector nun ano normal move 20.000 toneladas de castaña, que supoñen unha facturación de até 30 millóns de euros.

UUAA sinala como urxente diagnosticar as razóns da caída da produción este ano en cada comarca, estudando se hai unha patoloxía fúnxica, unha praga, un déficit hídrico no solo ou unha combinación destas causas.

Ademais, piden portainxertos híbridos fronte a enfermidades, investigación na propagación vexetativa do castiñeiro e selección de variedades de castaña resistentes á seca e ás altas temperaturas.

Comentarios