A biotecnoloxía chega ao sector da castaña galega

Escoller as mellores castañas, aumentar a produción dos soutos e fuxir das enfermidades que os afogan son razóns abondo como para botar man da biotecnoloxía. É o que fixeron varios organismos e empresas no proxecto Greencastanea que rematará en xullo de 2023.
A produción de castañas caeu de forma considerábel nos últimos anos (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Produción de castañas (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A raíña do mes de novembro na Galiza é, sen dúbida, a castaña. O seu consumo e explotación medrou nos últimos anos chegando a cotas importantes en produción e comercialización por parte dalgunhas empresas que a venden elaborada ou sen realizarlle ningún proceso de transformación.

Unha das grandes preocupacións deste sector é a loita contra enfermidades que impiden o seu aproveitamento e tamén a posibilidade de aumentar a súa rendibilidade. 

Coa intención de modernizar o cultivo da castaña, esta tempada comezou o proxecto Greencastanea. Na iniciativa, dirixida por Hifasforesta, participan a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña da Galiza, a Universidade de Vigo (a través do Grupo Agrobiotech For Health) e a empresa Soutos Sativa SL

O proxecto piloto

Na Galiza os castiñeiros constitúen ecosistemas autóctonos que achegan unha gran riqueza e biodiversidade á paisaxe tradicional. Son un dos cultivos economicamente máis rendíbeis mais, como indican desde a IXP, "os métodos tradicionais de produción de castaña enxertada non son moi eficientes e non permiten satisfacer a demanda actual".

Coa intención de contar cunha maior produción da planta, de maior calidade e que garanta a súa saúde comezouse este proxecto piloto. 

O proceso desta iniciativa é complexo. Explícao Xesús Graña, de Hifasforestes, indicando que implica "a partir de planta in vitro de castiñeiro, facer un escalado en viveiro e chegar a facer moita planta mediante aclimatación".

Despois, o resultado "empregarase en enxertos híbridos coa idea de enxertalos en materias en pé de produtores adscritos á IXP que salientan por algunha característica superior", resume para Nós Diario

Por outra banda, sinala que co fin de mellorar a rendibilidade do "souto" a través da súa multifuncionalidade, antes de ser en maceta, "os castiñeiros serán micorizados cun inóculo de Boletus edulis producido por un novo sistema de biorreactores".

Alén diso, "incorporarase un sistema de termohidroterapia para desinfectar o material vexetal empregado no enxerto, garantindo a ausencia da avespa do castiñeiro”, unha praga con alta incidencia na actualidade e outros posíbeis problemas fitosanitarios. Por último, realizaríase unha plantación experimental demostrativa que permitiría avaliar as características e o rendemento dos castiñeiros obtidos. 

A aposta, segundo indican desde a IXP nun comunicado, "é polo microcultivo e a diversificación do sector agroforestal, un enfoque que permitirá xestionar unha produción eficiente, flexíbel e de calidade de castañas e tamén de cogomelos, dous produtos de gran valor económico". 

O proxecto posto en marcha agora ten un orzamento total de 187.774,91 euros. Está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e as previsións estimas que rematará en xullo de 2023.

Comentarios