O coronavirus continúa a reducir a súa incidencia na Galiza, situándose en niveis moi diferentes aos que rexistraba cara á mediados de abril, cando se atinxiu o pico da pandemia. Non hai vítimas mortais polo virus desde hai seis xornadas.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 476.
Deles 101 son da área da Coruña, 31 da de Lugo, 34 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 189 da área de Vigo, 97 da de Santiago, e 13 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 10 están en unidades de hospitalización e 466 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.338 persoas curadas, rexistrándose 618 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 153.606.
Residencias
No que atinxe ás residencias de anciás, hai 31 casos activos (3 menos ca onte), dos que 17 son de persoas usuarias mentres que 14 son de traballadoras e traballadores.
Os falecementos son 274: 132 en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.