O PP vén de rexistrar unha proposición non de lei contraria ao galego no ensino

O galego nas aulas: de novo coa corda ao pescozo

Alumnado do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela no inicio do curso escolar. (Foto: Arxina)
A reforma educativa impulsada polo Goberno do Estado volveu abrir o debate sobre o papel das linguas no ensino. A eliminación da referencia explícita ao castelán como "lingua vehicular" reviviu o discurso do PP sobre a persecución deste idioma nas aulas e a "imposición" do galego, malia unha década de retroceso da lingua propia.

O conflito lingüístico arraiga de novo nas aulas. Faino a raíz da reforma da lei educativa impulsada polo Goberno do Estado, cuxa tramitación segue adiante no Congreso dos Deputados.

O proceso de emendas propiciou unha modificación da norma que, de ser aprobada, asumirá unha redacción similar á que mantiña antes da entrada en vigor en 2013 da Lomce, coñecida como 'lei Wert'.

Da futura nova lei de educación, a Lomloe, tamén chamada 'lei Celaá', desaparece a referencia explícita ao castelán como lingua vehicular no ensino. No canto, a norma recolle que "as Administracións educativas garantirán o dereito dos alumnos e as alumnas a recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de conformidade coa Constitución Española, os Estatutos de Autonomía e a normativa aplicábel". 

Preocupación

Esta redacción desatou as críticas do PP, que ademais de recuperar a teoría da persecución do castelán nas aulas, rescatou para a Galiza o discurso sobre a "imposición" da lingua propia. Para o PP, as mudanzas na lei educativa poden facilitar "a inmersión lingüística" por parte dos "nacionalistas". Unha afirmación que o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, defendeu durante o anuncio da proposición non de lei que o seu partido vén de presentar no Parlamento ante a "preocupación" que lle suscita a modificación da norma.

Tellado considera que se saltaron "os marcos normativos de rango superior", o que permite que "a lingua castelá deixe de ser vehicular, co que se altera o equilibrio lingüístico entre as linguas cooficiais do Estado e se renuncia a que os cidadáns aprendan no idioma que os vincula con falantes doutros territorios".
Neste sentido, o PP reclama "o rexeitamento da Cámara ante calquera modificación que posibilite que o galego e o castelán deixen de ser vehiculares no ensino, pondo en perigo o equilibrio entre as súas linguas cooficiais". 

Desde o BNG lamentan que o PP poña de novo sobre a mesa este asunto "con tanta carga de hostilidade contra idioma" en plena segunda vaga da pandemia, "nun contexto social económico e sanitario demoledor".

Unha década de mentiras

Para a deputada Mercedes Queixas, o PP leva 10 anos "encerallado nunha mentira", nunha  "fraude", a do plurilingüismo, baseado "nunha política lingüística absolutamente negacionista" que deixa nas aulas "unha ignorancia maioritaria do galego, ningún avance na lingua estranxeira e un monolingüismo en castelán". Esa é a realidade do alumnado ao final de cada etapa educativa, recalca, a falta dunha avaliación recollida no marco legal coa que o Goberno non cumpre, advirte.

Co decreto do plurilingüismo de 2010, "o PP arrombou con todo para crear un marco xurídico demoledor, que por primeira vez na democracia prohibe impartir materias en galego". Ese, asegura Queixas a Nós Diario, foi o "agravio maior" contra o idioma e "a declaración de intencións" da política lingüística do PP, "que renega da capacidade do galego para ser vehicular no ensino", asevera.

Dominio das linguas

Desde o Partido Socialista, o deputado no Congreso e relator da Lomloe Guillermo Meixón critica a "falacia montada polo PP" arredor dunha soa palabra, "vehicular", que nunca antes da 'lei Wert' aparecera nas normas educativas. "Esa lei foi a responsábel de avivar o conflito lingüístico ao ir en contra do modelo de inmersión", sinala. "O que pretende agora a Lomloe é respectar o marco constitucional e das autonomías para asegurar o dominio tanto do castelán como das linguas dos territorios, e estabelecer os mecanismos para que esas competencias sexan reais", explica a Nós Diario. "Porque a ignorancia das linguas non é unha opción", conclúe Meixón.