A Fruga critica a "desastrosa xestión" de Medio Rural na vacinación ante a lingua azul

Unha explotación gandeira en Sabadelle, Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Segundo a Fruga, aparte das múltiples perdas que se deron como consecuencia da implantación da vacina, agora “atopámonos cunha xestión totalmente desastrosa, con escaseza de persoal veterinario o que está a provocar que moitas reses non poidan saír das explotacións, e a última consecuencia radica en que as gandarías galegas estanse a ver obrigadas a costear a vacinación das súas reses”.

A Federación Rural Galega (Fruga) vén de manifestar o seu malestar ante o proceso de vacinación contra a lingua azul, que se está a levar desde a Consellaría do Medio Rural.

Segundo a Fruga, aparte das múltiples perdas que se deron como consecuencia da implantación da vacina, agora “atopámonos cunha xestión totalmente desastrosa, con escaseza de persoal veterinario o que está a provocar que moitas reses non poidan saír das explotacións, e a última consecuencia radica en que as gandarías galegas estanse a ver obrigadas a costear a vacinación das súas reses”.

Actualmente os servizos veterinarios que ten a Xunta da Galiza para levar adiante estas tarefas, son “practicamente inexistentes, debido a escaseza de persoal veterinario destinado as labores de vacinación”, acrecentan.

Ante esta situación, a solución que pon en marcha Medio rural pasa por habilitar veterinarios particulares para estas tarefas. Eses veterinarios “non van facer o traballo gratis, e desde a Consellaría non van recibir ningún tipo de retribución, co cal os gandeiros e gandeiras galegas de zonas afectadas, vanse ver na obriga de pagar para que as súas reses sexan vacinadas”.

“Un problema que as explotacións gandeiras galegas non causamos mais cuxas consecuencias agora padecemos, pagando os custos do proceso de vacinación, a parte doutras perdas que sufriron os animais vacinados”, manifestan desde a Fruga.

Igualmente e de acordo coa Fruga, as explotacións gandeiras galegas vense afectadas na medida en que parte das súas reses non poden ser vendidas, ao non recibiren a vacina en tempo.

“Nunha explotación leiteira, por exemplo, podemos observar como os xatos de recría, van ter que permanecer na explotación varios meses, cando actualmente se vendían no primeiro mes de vida, algo que aumenta de forma considerábel as perdas neste tipo de explotacións, tendo en conta, o escaso prezo que teñen estas reses”, indican.

"Desleixo total"

Para a Fruga, unha vez mais, “estamos ante o desleixo total e absoluto por parte da Xunta da Galiza do Partido Popular, falaban moito da lexislatura do rural mas na práctica o que único que conseguiron foi que cada vez queden menos persoas activas nas ganderías galegas, e o abandono se converta no principal sinal de identidade do medio rural galego, acentuado nos últimos anos, como consecuencia do nulo interese dos mandatarios actuais, con respecto a produción agrogandeira galega”.