Ferrovial solicita instalar unha fábrica de eólica mariña no porto exterior de Arteixo

O porto de Arteixo (Foto: Concello de Arteixo).
O BOE publica o inicio do trámite de competencia de proxectos en relación coa solicitude de construción e explotación dun hub industrial, loxístico e portuario asociado á eólica mariña.

A empresa Ferrovial solicitou instalar unha fábrica de eólica mariña no porto exterior de Arteixo, segundo recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE) esta quinta feira.

En concreto, publica o inicio do trámite de competencia de proxectos en relación coa solicitude de construción e explotación dun hub industrial, loxístico e portuario asociado á eólica mariña.

"Actividades análogas ligadas a enerxías renovábeis e tecnoloxía offshore", recolle o BOE en relación aos requisitos estabelecidos pola Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante.

Defensa do PSOE

Precisamente un día antes deste anuncio, a cuarta feira, o PSOE ficou só no Congreso en Madrid en defensa dos Plans de ordenación dos espazos marítimos (POEM).

A comparecencia da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, no pleno do Congreso dos Deputados para explicar a proposta do Goberno español en relación coa eólica mariña evidenciou a soidade dos socialistas nesta materia.

Ribera afirmou que “a planificación será favorábel para os novos sectores e, tamén, para os sectores clásicos”, asegurando que “a única maneira de manter a pesca do futuro é apostando pola biodiversidade”.

Os POEM reservan para a eólica mariña 2.350 km2 emprazados nas augas galegas, definindo cinco zonas para o desenvolvemento desta actividade.

A primeira delas, NOR-1, emprázase a 22,3 quilómetros de Vigo e do Baixo Miño. NOR-2 e  NOR-2 sitúanse a 22,3 km de Ortegal, NOR-ñ4 entre esta comarca e A Mariña e NOR-5, cunha superficie próxima a 350 km2, no litoral desta última comarca.