Ferrovial aproba o traslado da súa sede a Países Baixos

O xigante da construción abandona finalmente o Estado español co obxectivo de aforrar millóns de euros en impostos. Mais a empresa podería exporse a unha importante sanción se a Axencia Tributaria non considera debidamente xustificados os motivos económicos para a súa marcha.
A Xunta Xeral de Accionistas da construtora ratificou o traslado esta quinta feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A Xunta Xeral de Accionistas da construtora ratificou o traslado esta quinta feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Unha maioría absoluta das persoas accionistas de Ferrovial que exerceron o seu voto na xunta de accionistas da compañía apoiaron o plan da empresa de trasladar a súa sede social a Países Baixos, votando a favor da proposta. Cun quórum de 77,6%, a xunta deu 'luz verde' esta quinta feira á operación pola cal a matriz pasará a fusionarse coa súa filial neerlandesa, de cuxo resultado sairá unha nova firma con sede nese país e que suporá que a multinacional deixe de ser oficialmente española.

Nos Países Baixos Ferrovial prevé aforrar millóns de euros en impostos debido a vantaxes fiscais para as empresas como que nese país os dividendos das filiais fican libres de tributación. Tras o anuncio, as accións de Ferrovial subiron 1,25% en bolsa, até intercambiarse a un prezo de 27,48 euros por título.

En calquera caso, aínda está aberta a porta a que unha parte da porcentaxe que votou en contra, aínda por coñecer, exerza o seu dereito de separación, é dicir, venda as súas accións á empresa pola súa oposición a que se execute ese traslado. Se só 2,56% dos accionistas exerce ese dereito no prazo dun mes para contar desde hoxe, a operación non sairá adiante, posto que a contraprestación para pagar por Ferrovial superará o límite de 500 millóns que fixou nos termos da operación.

Se ninguén exerce ese dereito, ou non se chega a esa porcentaxe, fecharase así un período de máis dun mes e medio de tensións entre o Goberno español e a compañía, logo de que o primeiro trasladase a súa desconformidade coa operación e a segunda defendese o dereito de acometer unha fusión transfronteiriza, neste caso con outro Estado europeo.

O único floco aberto agora será o do custo fiscal desta operación, é dicir, os impostos a pagar polo traslado. Moncloa xa advertiu á empresa que se a Axencia Tributaria non atopa motivos económicos —senón fiscais— para realizar a operación, non quedará exenta das vantaxes fiscais que aplican nestes casos. Pola contra, o presidente da compañía, Rafael del Pino, defendeu no seu discurso na xunta que a operación poderá acollerse ao réxime de neutralidade fiscal, ao contar con motivos económicos e non fiscais; de non atopárense debidamente xustificadas esas razóns, Ferrovial exporíase a unha importante sanción por parte da Axencia Tributaria.

O principal accionista de Ferrovial é o seu presidente, Del Pino, que controla 20,4% do capital, seguido da súa irmá, María del Pino (8,2%); o fondo británico TCI (6,4%), fundado por Christopher Hohn, un multimillonario que aparece no posto 273 da lista Forbes das maiores fortunas do planeta; o seu outro irmán, Leopoldo del Pino (4,1%), e os fondos BlackRock (3,18%) e Lazard (3%).

Após coñecerse o resultado, desde o Ministerio de Asuntos Económicos trasladaron o seu "respecto" pola decisión do accionariado, malia que incidiron no argumento de que as empresas radicadas no Estado español poden cotizar na bolsa norteamericana se así o solicitan. "Imos continuar traballando de maneira construtiva con todas as empresas españolas para defender os seus intereses e impulsar a súa expansión e crecemento", salientaron desde o Executivo.

Desde o grupo maioritario na oposición ao Goberno estatal e mantendo o seu ton belixerante con Pedro Sánchez, o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, denunciou a "sinalización" e o "insulto" a empresas como Ferrovial e asegurou que, se gaña as eleccións e chega ao Pazo da Moncloa, centrará os seus esforzos en "conseguir que calquera empresa teña motivos" para quedar no Estado español e non trasladar a súa sede fóra.

Adxudicación do alumeado de Santiago

Na véspera de adoptar a decisión do traslado, a UTE formada por Ferrovial e Endesa adxudicouse o mantemento e o subministro de alumeado público exterior de Santiago de Compostela por un importe total de 41.765.702,55 euros, IVE incluído. A compañía, aliás, é unha das que máis forte está poxando polo mar galego para o desenvolvemento da eólica mariña.

Comentarios