Familiares de residentes comparten a súa experiencia: "Se miña avoa estaba ben, por que non a sacaron de alí?"

Visitantes agardan a súa quenda para entrar na residencia DomusVi San Lázaro en Compostela (Imaxe: Arxina).
En conversa con Nós Diario, familiares de residentes de DomusVi San Lázaro denuncian a xestión do brote do coronavirus por parte da Xunta da Galiza e da propia empresa. Durante o confianmento viviron duros momentos sen poder visitar aos seus seres queridos, poñerse en contacto eles e, nalgúns casos, sen poder dicir adeus. Colectivamente, hoxe centran as súas forzas na demanda de condicións dignas para as residentes na prevención de que unha situación como a vivida poda ter lugar de novo.

Mónica García perdeu a súa avoa durante a emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19. Foi unha das residentes do centro xestionado pola multinacional DomusVi en San Lázaro, no concello de Santiago de Compostela, falecidas por mor da enfermidade. Na Galiza, 274 residentes perderon a vida por esta causa. García forma parte da Asociación de Familiares da Residencia DomusVi San Lázaro, que denuncia a mala xestión do brote por parte da compañía e da Xunta da Galiza. 

Unha xestión "neglixente"

Como Mónica García, Amalia Rolán tamén perdeu a unha familiar nas pasadas semanas, neste caso súa nai. Ambas censuran a falta de información por parte da directiva da empresa durante as pasadas semanas. "Soubemos que había casos positivos por coronavirus a través da prensa", asegura a primeira.

Soubemos que había casos positivos por coronavirus a través da prensa, di Mónica García

"Miña avoa era unha persoa de 94, pero moi lúcida", relata por teléfono Mónica García. O 14 de marzo foi a última vez que a visitou no propio centro, que dous días despois anunciou o feche de portas ás familiares por mor da pandemia e o inicio do confinamento. Grazas ao seu móbil, a súa avoa mantívose en contacto coa súa familia, coa que conversaba a miúdo.

Tras solicitar insistentemente información ao persoal da residencia, García recibiu informes diarios que a actualizaban sobre o estado de saúde da súa avoa. O 3 de abril realizáronlle unha proba de coronavirus, con resultado negativo. Porén, a través do teléfono a súa neta detectou que algo non ía ben. "Custáballe falar, non a entendiamos", aclara. Logo de varias probas, García reclamou que fose derivada ao Complexo Hospitalario Universitario de Compostela, o CHUS.

Despois de achegarse até o hospital e abrazar a súa avoa, soubo tras unha chamada do resultado positivo por coronavirus. As profesionais do centro indicaron que a residente debía volver a San Lázaro. "Non entendía nada, como que tiña que volver? Dixeron que era polo protocolo, que non podían hospitalizar a grandes dependentes", asegura Mónica García.

Dixeron que era polo protocolo, que non podían hospitalizar a grandes dependentes, asegura García

O protocolo da residencia medicalizada Porta do Camiño indica que non se admitían maiores cun alto grao de dependencia. A Consellaría de Sanidade asegurou que todos os traslados seguen criterios clínicos e que non se impedira ningún. Residentes de DomusVi San Lázaro si foron derivados a HM A Rosaleda, tal e como informou a directora do centro nunha carta á que tivo acceso Nós Diario. Porén, García tivo que insistir.

Finalmente, conseguiu o ingreso da súa avoa no HM A Rosaleda. "Alí aténdenos un médico, que chamou a media tarde e explicounos que está moi enferma e que vaiamos vela. Durante uns días semellou que remontaba, pero finalmente faleceu o xoves 23", di ela. Vinte días despois daquela primeira proba negativa. "Non o entendo, se estaba ben, por que non a sacaron de alí?", cuestiona.

Non o entendo, se estaba ben, por que non a sacaron de alí?, cuestiona García

O 14 de marzo, Amalia Rolán tamén acudiu ao centro de DomusVi para visitar a súa nai. "Fun cun nó na gorxa", di. Como Mónica García, mantivo o contacto con ela por teléfono durante. "Un día deixou de chamar", explica. Máis dun mes despois, o 25 de abril,  días recibiu unha chamada do médico da residencia, que lle informou de que a súa nai dera positivo nas probas do coronavirus mais que permanecía "practicamente asintomática". 


Por unha nova na prensa dixital, Rolán soubo que súa nai fora ingresada na residencia medicalizada de Porta do Camiño. "A partir de entón obtivemos moita máis información, dicíanme que miña nai loitaba", relata ela. Finalmente, súa nai faleceu. "Foi terrorífico, unha xestión totalmente neglixente. No centro faleceron 53 residentes, case un terzo das persoas que vivían alí, e a directora dixo nunha carta que a xestión foi boa!", di. 

Eivas previas á pandemia

Durante as semanas máis difíciles da pandemia, Amalia Rolán e Mónica García entraron en contacto coas asociacións de familiares e persoas usuarias da rede residencial galega. A raíz das súas experiencias, decidiron unirse ás protestas que reclaman cambios no modelo actual.  "Esta é unha loita por quen queda, tamén por quen non ten fillos, porque isto non pode volver pasar", afirma Rolán.

É unha loita por quen queda, tamén por quen non ten fillos, porque isto non pode volver pasar, afirma Amalia Rolán

Javier Quián e Esther Villar xa tamén forman parte da Asociación de Familiares da Residencia DomusVi San Lázaro e de REDE, a plataforma que aglutina aos restantes colectivos do país. Un asociacionismo que se converteu nun apoio e que mitigou a súa soidade durante o confinamento.

Ambos aseguran que as problemáticas dos centros residenciais son previos á pandemia. No caso concreto de San Lázaro explican que as condicións empeoraron cando a anterior xestora, SarsQuavitae, se uniu a Geriatros na actual DomusVi. "A rotación do persoal é moi alta e a proporción respecto aos usuarios moi baixa, polo que moitas veces os residentes están desatendidos", do Villar, cuxa nai leva cinco anos no centro cunha praza concertada coa Xunta da Galiza. As privadas, como a que ocupaba a avoa de Mónica García, teñen un custo duns 2.800 euros.

A rotación do persoal é moi alta e a proporción respecto aos usuarios moi baixa, di Esther Villar

"Aproveitan sempre as comidas para dar os medicamentos. Cando ti, se almorzas ás dez e volves comer á unha e media e logo volves cear ás sete e media ou oito non fas as oitos horas que o medicamento indica entre toma e toma", engade Javier Quián, cuxa tía suma tres anos como residente no centro.

Tanto Esther Villar como Javier Quián solicitaron o traslado da nai e tía respectivamente da residencia de San Lázaro, logo de que foran ingresadas e dadas de alta no centro medicalizado de Porta do Camiño. Actualmente atópanse noutra residencia da cidade compostelá.

Ambos aseguran que non é casualidade o alto índice de contaxios e falecementos do centro de DomusVi. Os datos fornecidos pola Xunta da Galiza dan conta de 22 persoas falecidas, que as familiares ascenden a 54, mentres cifran os contaxios en 116.

Os números son incontestábeis como para non dicir que a xestión foi boa, di Javier Quián

"O que nos doe é a falta de medios, a falta de prevención. Os números son incontestábeis como para non dicir que a xestión foi boa", di Javier Quián en relación á carta remitida pola directora de DomusVi San Lázaro a parte das familias.

Parte, pois familiares de residentes con prazas públicas aseguran que non a recibiron. "Semella que valen menos", lamenta Amalia Rolán. A empresa non se puxo en contacto con ela para expresar as súas condolencias, mais si para reclamar o abono dos primeiros días do mes de abril, nos que súa nai xa fora trasladada do centro. Ela  asegura que continuará denunciando a situación vivida as pasadas semanas. "Queremos unha calidade dae vida diga para eles", engade Esther Villar.