Xustiza para as vítimas da COVID-19 nas residencias de maiores desde Cangas

Familiares acudiron o día 15 de xuño a visitaren residentes nas instalacións de DomusVi San Lázaro, en Compostela. Imaxe: Arxina
A marcha cívica sairá ás 20 horas do concello de Cangas, convocada polos colectivos Modepen, Trega e Vellez Digna.

O Movemento en Defensa das Pensións Publicas (Modepen), as Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega) e a asociación de familiares e usuarios de residencias Vellez Digna convocan para esta quinta feira, día 18, unha marcha cívica que partira do concello de Cangas ás 20 horas, en solidariedade e demanda de xustiza para as vítimas contaxiadas e falecidas nas residencias e en demanda de servizos 100% públicos e de calidade para a dependencia.

"Mobilizámonos contra a privatización porque converte aos maiores e dependentes nunha mera mercadoría coa que especular, quedando en mans de empresas cuxa única bandeira son os cartos e que non dubidan en recortar custes en comida, en persoal e en coidados máis e máis cada ano, até chegar aos actuais niveis xenocidas de atención en moitas das nosas residencias", explican os convocantes nun comunicado.

Refírense a actos "xenocidas" porque sinalan que os recortes en dependencia do Goberno de Alberto Núñez Feixoo fixeron "que unha persoa maior tivera 24 veces máis probabilidades de morrer da COVID-19 nunha residencia privada (274 mortos nas privadas de toda Galiza), ca nunha pública (1 morto nas publicas de toda Galiza)".

Estas asociacións salientan que "só en 3 residencias de DomusVi, as de Aldán, O Barreiro (Vigo) e San Lázaro (Compostela), morresen 138 persoas, o 65% dos mortos galegos en residencias".

Comisión de investigación

Instan aos partidos a crear unha "comisión parlamentar de investigación", pois o seu obxectivo é saber "por que dos 274 mortos de residencias, máis de 130 morreron dentro delas sen que se derivasen aos hospitais, por que se lles negou unha oportunidade cando máis o precisaban e quen decidiu que se lle podían arrebatar os seus dereitos".

Solicitan que se "recupere de inmediato a xestión pública" das residencias públicas e demandan "unha nova lei de dependencia" que asegure esta atención "como un dereito fundamental", e aos dependentes "como cidadáns de primeira, con todos os seus dereitos".

Durante a marcha pola vila de Cangas deberase respectar a distancia de seguridade de 2 metros e levar máscara de protección.