Como se explican 132 mortes dentro das residencias?

Usuaria dun centro de maiores regresa á súa residencia (Arxina).
Na Galiza morrerron 274 persoas en residencias de maiores, 44,2% do número total de falecementos rexistrados durante a pandemia de coronavirus. 132 morreron nas instalacións dos propios centros e, o resto, en hospitais ou residencias integradas, sen que a Xunta aclare a súa procedencia. A situación nas residencias da terceira idade segue a ser o principal motivo de crítica e preocupación. Usuarias e persoal denuncian a ineficacia da xestión privada e o desleixo da Administración no control de calidade da atención prestada.

Case a metade das persoas falecidas na Galiza a causa do coronavirus ou con síntomas compatíbeis coa COVID-19 eran maiores de 65 anos e vivían en centros da terceira idade ou de atención á dependencia. Un dato que non pasa desapercibido par a Alianza Galega polos Servizos Sociais Públicos para Maiores e Dependentes, que non deixa de reclamar unha investigación "rigorosa e independente" que axude a explicar por que só 3,5% da poboación galega máis vella, a que vive en residencias de anciáns, tanto públicas como privadas, asumiu 44,2% das mortes que se produciron desde a declaración da pandemia.

Segundo os datos facilitados pola Consellaría de Política Social, nos últimos tres meses faleceron 274 persoas. Só unha delas morreu nunha residencia de titularidade e xestión públicas.  As demais faleceron en residencias privadas, nomeadamente en tres centros xestionados por DomusVi, que aglutinan case a metade das defuncións. 

Os datos da Xunta só se refiren ás 132 persoas falecidas dentro das propias residencias.

As cifras oficiais da Xunta da Galiza atribúenlle á DomusVi San Lázaro, en Santiago de Compostela, 22 mortes, que serían 53 segundo a dirección da residencia e, tamén, de acordo cos datos facilitados pola asociación de familiares e usuarias de Residencias e da Dependencia REDE. A DomusVi de Aldán, en Cangas, sumaría 20 persoas falecidas máis, 37 segundo o cómputo de REDE, e a DomusVi O Barreiro, en Vigo, 12 falecementos, 47 se se teñen en conta as mortes rexistradas sen diagnóstico por coronavirus, puntualiza a asociación de familiares e usuarias.

A canda estas, a residencia Nosa Señora da Esperanza, que xestiona a Fundación San Rosendo en Ourense, con 21 mortes, e Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, con unha, son as que máis mortes contabilizaron durante as últimas semanas. Mais serían perto de 62 de acordo coas cifras que manexa REDE.

Falta de transparencia

Este vaivén, denuncian, é resultado do "reconto tramposo e escamoteador" que a Administración galega implantou coincidindo coa intervención das residencias do Barreiro e Aldán, e que impide saber, ademais, a procedencia de 142 persoas residentes en diferentes centros de maiores que morreron en hospitais ou nas residencia integradas de Baños de Molgas, Porta do Camiño, Piñor e Patos, en Nigrán. Os datos da Xunta só se refiren ás 132 persoas falecidas dentro das propias residencias, 81 en residencias de titularidade e xestión privadas con ánimo de lucro, 42 en residencias de titularidade e xestión privadas sen ánimo de lucro, e oito en residencias de titularidade pública e xestión privada.

A Alianza Galega polos Servizos Sociais Públicos defende a necesidade dun estudo epidemiolóxico que permita estabelecer cales son os factores de risco fundamentais que están detrás da alta mortalidade por COVID-19 nas residencias.

Preferiron gardar nun caixón as denuncias do persoal traballador, das familias e dos servizos sociais antes que corrixir as irregularidades ou iniciar expedientes sancionadores.

Para Xoan Carlos Ansía, delegado sindical da CIG na Consellaría de Política Social, unha das evidencias máis relevantes desta crise é que as mortes se produciron, fundamentalmente en residencias privadas. "Detrás desta certeza hai dúas concepcións do que é a prestación dos servizos. Unha orientada ao lucro das residencias privadas e outra defensora dos servizos públicos". Neste sentido, incide, as persoas maiores que morreron nas residencias foron vítimas do "interese crematístico" e da consideración dos coidados e das residencias como negocio. "O único que queren é sacar cartos de aí a costa do persoal, escaso e explotado, de non ter material suficiente e adaptado ás necesidades das usuarias e dunha alimentación de calidade".

Ansía asegura que as actas de inspección do persoal funcionario da Consellaría de Política Social máis o informe do Consello de Contas do ano 2017 xa demostran que as carencias das residencias privadas "que o PP fomentou desde a súa chegada ao Goberno" son anteriores á pandemia e moi graves, e a pesar disto, "ignoradas polos responsábeis políticos, que preferiron gardar nun caixón as denuncias do persoal traballador, das propias familias e dos servizos sociais antes que corrixir as irregularidades detectadas ou iniciar expedientes sancionadores", explica o delegado sindical da CIG.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da quinta feira, día 18, nos quiosques ou na nube]