"As privatizacións son algo letal": marcha en Compostela por un modelo de residencias "público e de calidade"

Inmaxe dunha mobilización recente (Arxina)

Convocada por familiares de usuarias, Modepén e Vellez Digna, que demandan un cambio de modelo. Será o 24 de xuño e conta co apoio de diferenets organizacións políticas e sindicais.

Unha marcha percorrerá o 24 de xuño as rúas de Santiago en defensa do dereito a unha vellez digna e reclamará que os problemas das residencias se sitúen no centro do debate político de cara ás eleccións galegas do 12 de xullo.

Os convocantes da mobilización son o Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepén), as Traballadoras das Residencias (TReGa) e asociacións de familiares de usuarios de residencias como Vellez Digna. Contan co apoio do PSdeG, BNG, Galicia en Común, Marea Galeguista, CUT e Anticapitalistas Galiza, segundo explicaron esta quinta feira en rolda de prensa a organización.

A marcha sairá ás 12:00 horas da cuarta feira 24 de xuño da Alameda compostelá e terminará na praza do Obradoiro co lema 'Por uns servizos sociais 100% públicos, universais e de calidade'. Ademais, esta quinta convocaron unha mobilización en Cangas para pedir "xustiza" para os falecidos e os contaxiados polo coronavirus nas residencias. A de Santiago, indicaron, esperan que sexa "unitaria e transversal".

O membro de Modepén Francisco Vizoso expuxo que se tomarán medidas para evitar contaxios, como a asistencia con máscara e a separación de dous metros. "Impórtanos moito que a marcha sexa segura", destacou.

Vizoso, que chamou á cidadanía a participar porque, "se non hai unha mobilización social ampla, non se conseguirá" que haxa uns servizos públicos de calidade, sinalou que con esta convocatoria aspiran a que os partidos políticos fagan do sector das residencias de maiores "un elemento central" na campaña electoral e que definan o seu modelo e impidan que as mortes nestes centros pola COVID-19 "queden impunes".

"O que pasou non é que se vise vir, é que era inevitábel. Agora temos a oportunidade de cambiar o modelo"nós diario residencias

 

"Trátase de montar un sistema de residencias que garanta o dereito a unha vellez digna", reivindicou e pediu á Xunta que, se está disposta a revisar o modelo, se abra a "interlocutores que pensan diferente".

Ao seu xuízo, é prioritario investigar que ocorreu nestes centros e cales foron os factores de risco. Nas cifras do coronavirus, dixo, hai datos que "non cadran", como que a metade de mortos de residencias falecesen no propio centro.

Modelo

A secretaria de TReGa, Maribel Barreiro, resaltou que levan "polo menos oito anos" avisando á Xunta das "deficiencias" nas residencias privadas ou xestionadas por empresas privadas. "O que pasou non é que se vise vir, é que era inevitábel. Agora temos a oportunidade de cambiar o modelo", afirmou.

En concreto, Barreiro considera que é necesario aumentar o persoal, que haxa uns protocolos e que o Goberno galego estea "moi enriba" das empresas que xestionan as residencias para "facerlles cumprir". Referiuse tamén aos casos detectados en dous centros de Valladolid e púxoos como exemplo de que "pode volver pasar en calquera momento".

O representante de Vellez Digna, Pepe Bernárdez, sinalou que o ocorrido a raíz do coronavirus permite comprobar que "as privatizacións son algo letal" e considerou que a Xunta "ten moitísima responsabilidade" porque a situación "ten relación co que leva consentindo nas residencias privadas ou con prazas concertadas".

Ademais, criticou a "hostilidade" da administración galega cando os familiares de usuarios de residencias se puxeron en contacto con ela e declarouse "alucinado" con que non se recoñeza "un mínimo mea culpa". "Temos a sensación de que, como volva -o coronavirus ás residencias-, repiten o mesmo", lamentou.