Un home perdeu a vida esta sexta feira tras chocar frontalmente o vehículo no cal circulaba contra outro turismo na estrada AC-418, ao seu paso polo municipio de Malpica de Bergantiños (comarca de Bergantiños). Segundo trasladou o 112 Galiza, o sinistro produciuse sobre as 14.10 horas na parroquia de Leiloio, no punto quilométrico 6 desta vía.
Ao ter coñecemento da gravidade da situación, os operadores da central de emerxencias deron aviso aos servizos sanitarios, que mobilizaron un helicóptero medicalizado até o lugar. Ademais, tamén acudiron efectivos da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Bergantiños, do GES de Ponteceso, da Policía Local e de Protección Civil.
Xa no punto, os servizos de emerxencias tiveron que excarcerar tres persoas, unha delas xa falecida. As outras dúas feridas foron trasladadas polos servizos sanitarios en ambulancia e no helicóptero desprazado polo Servizo de Urxencias Sanitarias-061.