A xunta de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza, en nome de toda a profesión, lamentou esta terza feira o falecemento en Boiro (Barbanza) do xornalista e colexiado Luís Blanco Vila o pasado 31 de decembro. Nun comunicado, o Colexio plasmou a súa tristeza ante esta noticia, enviando o pésame a todos os seus coñecidos.
Luís Blanco Vila naceu precisamente en Boiro en 1936 e estudou xornalismo na Escola de Xornalismo da Igrexa mentres cursaba tamén Filoloxía na Universidade Central de Madrid (antiga Complutense). En 1962 comezou a traballar no Diario Ya de Madrid e, posteriormente, exerceu de correspondente de cabeceiras de Editorial Católica en Portugal, Francia e Italia.
En 1971 regresou ao país para asumir a dirección de El Ideal Gallego e dous anos despois volveu a Madrid para incorporarse ao consello de redacción de Editorial Católica e ser comentarista e director de internacional do Diario Ya. A segunda parte da súa experiencia laboral estivo máis centrada na docencia.