Facua inclúe a campaña do 25-N da Xunta na votación a 'Peor anuncio de 2022'

Un dos cartaces da campaña da Xunta para o 25-N.
A asociación convoca estes premios desde 2010 para censurar os graves abusos que se producen no mercado e promover prácticas responsábeis das empresas cos consumidores.

Catro campañas de publicidade machistas compiten por ter "a dubidosa honra" de ser escollidas como 'O Peor Anuncio de 2022' na décimo terceira edición destes premios que elixen socios e simpatizantes de FACUA-Consumidores en Acción.

Nesta ocasión, o premio dispútase entre dúas campañas que "sexualizan" as mulleres, unha que as "culpabiliza da violencia de xénero" e unha última que "as ataca se os seus corpos non cumpren cos canons estéticos e non son normativos".

Os anuncios

Trátase da "desafortunada campaña" contra a violencia machista da Xunta da Galiza; do anuncio de lavado de coches dun grupo de gasolineiras; da publicidade Operación Feira dun ximnasio sevillano; e da "caravana de mulleres" que promocionou unha discoteca asturiana.

Facua deu a coñecer os nomeados este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, para pór o acento "en como a publicidade continúa tratándoas como meros obxectos, reclamos para vender un produto e transmiten unha idea aínda estereotipada do que é ser muller, na cal se lle atribúen valores que teñen pouco ou nada que ver coas súas capacidades e moito co seu aspecto físico".

A campaña está a difundirse a través das redes sociais coa etiqueta #ElAnuncioMásMachista. Os premios teñen outras dúas categorías: O Peor Abuso e A Peor Empresa, cuxos nomeados se darán a coñecer nos próximos días.

Os premios

A asociación convoca estes premios desde 2010 para censurar os graves abusos que se producen no mercado e promover prácticas responsábeis das empresas cos consumidores e nas súas relacións con estes e as organizacións que representan os seus intereses.