"Non debería pasar, pero pasa": a polémica campaña da Xunta polo 25-N custou 300.000 euros

A secretaria de Igualdade atribúe as críticas a un "pantallazo de Twitter".
Campaña da Xunta polo 25-N.
photo_camera Cartaces difundidos no marco da campaña da Xunta polo 25-N.

A secretaria xeral de Igualdade da Xunta da Galiza, Susana López Abella, criticou esta quinta feira a "desinformación" xerada ao redor da polémica campaña da Xunta do pasado 25 de novembro contra a violencia machista co lema Non debería pasar, pero pasa, ao considerar que a gran contestación á mesma debeuse a "un pantallazo de Twitter sacado de contexto".

"Non imos estar en polémicas de Twitter", resolveu López Abella a súa intervención ante a comisión do Parlamento galego para responder ás preguntas da deputada socialista Noa Díaz sobre esta iniciativa "absolutamente irresponsábel" do Goberno galego porque "se puxo o foco na vítima".

A secretaria xeral matizou que a campaña non era a do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, senón que estivo vixente durante un mes en medios de comunicación, valados publicitarios, paradas de autobús, contas institucionais e outras canles de difusión.

Abella cuestionou que "curiosamente" fose "ás portas do 25 de novembro", cando xurdiron unhas críticas que "podían facelas 42 días antes". Ademais, defendeu o proceso administrativo para adxudicar a campaña, por 300.000 euros financiados ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Noa Díaz esixiu á secretaria xeral que explicase os filtros que pasou a campaña antes de ser aprobada, xa que, lembrou, "chove sobre mollado", en alusión á campaña do ano 2017 "tamén con ocasión do 25 de novembro".

"En materia de violencia machista non caben interpretacións, hai que atinar nas mensaxes, porque o contrario pode ser moi perigoso", concluíu a parlamentaria socialista a respecto desta polémica.

Comentarios