Estes son os problemas que presenta o parque eólico mariño Ventus

Área de implantación do parque eólico mariño Ventus. (Infografía: Abei Energy)
Perante a tramitación deste proxecto, a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños presentou ao Ministerio unha serie de alegacións que mostran diversas irregularidades.

A mediados do pasado mes de decembro rexistrouse a proposta denominada Ventus perante o Ministerio para a Transición Ecolóxica por parte da empresa Abei Energy & Infrastructure S.L.

Esta empresa presentou o proxecto a pesar de estar pendente aínda a aprobación dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM).

Segundo se puido coñecer a semana pasada, o proxecto prevé erguer 40 aeroxeradores do modelo Vestas V236-15, cunha potencia nominal de 15 MW, polo que o parque eólico contaría en total con 600 MW instalados.

 As máquinas, que ocuparían unha superficie de 127 km2, alcanzan os 260 metros sobre o nivel do mar.

Estas instalacións emprazaríanse na zona de uso prioritario para a eólica mariña NOR-5, disposta no borrador do POEM e pendente aínda da ratificación do documento, logo de ser reducida a súa extensión, canda a doutras destas áreas, na declaración ambiental estratéxica deste plan publicada o pasado decembro no Boletín Oficial do Estado (BOE).

As irregularidades ambientais

Perante a tramitación deste proxecto, a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños presentou ao Ministerio unha serie de alegacións que mostran diversas irregularidades e problemas co proxecto.

“Lamentamos que de maneira unilateral, e sen consultar previamente cos representantes da actividade máis importante que se desenvolve na costa galega, dita empresa, presente un proxecto como este cunha importante afectación a zonas importantes para a pesca galega”, salientan desde a Plataforma.

O feito de a empresa non ter informado o Observatorio galego para este tipo de proxectos, tamén provoca as críticas da plataforma: “Na Galiza, precisamente está constituído un Observatorio coa participación da Xunta da Galiza, sector pesqueiro e empresas interesadas nesta Industria, para valorar calquera proxecto en canto ao seu impacto e afectación á actividade pesqueira sen que esta empresa en ningún momento fose quen de informar este Observatorio deste proxecto antes da súa elaboración e presentación”.

O emprazamento do proxecto (a 30 quilómetros da costa mariñá) tamén é un problema de acordo coa plataforma. Para eles “a zona buscada para a súa localización e as zonas de cableado terían un impacto directo en diferentes caladoiros de pesca e en zonas de capturas”.

“Deberá solicitarse do ICES- CIEM, Instituto Internacional de acreditada solvencia e independencia, informe sobre a afectación aos ecosistemas marítimos afectados polo parque e as súas infraestruturas”, engaden.

Para alén diso, desde a plataforma alertan tamén que a execución do parque traería consigo “un aumento do ruído e a vibración que produciría un aumento da mortalidade de larvas de especies de piexes e invertebrados explotados comercialmente”.