Medio Ambiente

O Estado blinda os intereses de eólica mariña na Galiza coa nova Rede Natura

A ampliación da Rede Natura aprobada polo Goberno español sortea os espazos reservados polo Executivo á eólica mariña. (Infografía: Nós Diario)

A nova delimitación da Rede Natura 2000 no litoral galego non convence ao movemento ecoloxista. O trazado fixado polo Goberno do Estado exclúe da protección as zonas reservadas nos Plan de ordenación da eólica mariña (POEM) para o emprazamento dos parques eólicos mariños. Os criterios marcados non garanten os obxectivos fixados pola lexislación comunitaria na Directiva do Hábitat.

O pasado 30 de decembro, o Executivo do Estado facía pública unha ampliación da Rede Natura 2000 co obxectivo de incrementar a protección dos espazos mariños protexidos e as zonas de protección de aves (ZEPA). A proposta incorpora novas áreas no conxunto do litoral peninsular, na liña das demandas formuladas nos último anos pola Comisión Europea. Precisamente, estas esixencias non están a ser atendidas por parte do Executivo galego, que ten paralizado desde 2012 a incorporación de novas áreas a esta malla de espazos naturais protexidos.

A Galiza atópase á cola do Estado en superficie incorporada a Rede Natura 2000. Segundo os datos achegados polo Executivo español, só 11,9% do territorio galego se atopa baixo esta figura de protección ambiental. Neste sentido, a diferenza coa media do Estado español é de 15,4 puntos, sendo as Illas Canarias con 46,4%, Madrid con 39,8% e o País Valencià con 37,4% as comunidades do conxunto estatal con máis espazos integrados na Rede Natura 2000.

A proposta formulada polo Estado implica a inclusión na Rede Natura 2000 dunha parte moi importante do litoral galego. Segundo se recolle no Boletín Oficial do Estado (BOE), o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) aumenta os ámbitos da zona de especial protección de aves (ZEPA), que até a data só recollían determinados espazos fronte ás Rías Baixas, a Costa da Morte, Trasancos e Ortegal. Neste sentido, o Executivo estatal aprobou "a ampliación das ZEPA localizadas na costa galega e cantábrica occidental para constituír un único espazo ZEPA, que pasará a denominarse Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental".

O Goberno español explica esta nova delimitación da Rede Natura 2000 indicando que “o noroeste da península Ibérica constitúe un importante corredor migratorio para as aves mariñas”. Neste punto, destaca que “por esta zona pasan en números significativos até 15 especies de aves mariñas, das que 12 cumpren criterios exclusivamente por migración”. A este respecto, significa que “máis de un millón de aves mariñas pasan por esta zona durante o verán-outono (migración pos nupcial), a maior parte das cales proveñen do norte de Europa e Siberia occidental”.

Adega

O movemento ecoloxista considera insuficiente esta proposta. Nesta liña, a voceira da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Belén Rodríguez, sinala a Nós Diario que “é positivo que o Miteco aprobe máis zonas de protección” pero lamenta que “se dea primacía no litoral aos usos industriais fronte aos ambientais e sociais”. Neste punto, denuncia que “primeiro aprobáronse os POEM, onde se definen as zonas de alto potencial eólico onde prevén as instalacións da eólica mariña e despois apróbanse as ZEPA cos limites marcados previamente polos POEM”.

Rodríguez alerta que “esta medida non libera Galiza dos parques eólicos mariños, porque nos POEM estabelécense as áreas de potencial eólico xusto na marxe exterior da nova ZEPA”. Nesta dirección, defende que “ás ZEPA delimitadas deberíanse conectar tamén as ZEPA mariñas en alta mar para eliminar os ocos entre elas, ocos que os POEM aproveitou para permitir os polígonos eólicos no mar”. Asemade, crítica que “no litoral do Baixo Miño, fronte as costas da Guarda, exclúese da Rede Natura un ámbito para manter unha zona como de alto potencial eólico”.

As críticas do ecoloxismo coinciden en parte coas expresadas desde o sector pesqueiro. As fontes do mesmo consultadas por Nós Diario denuncian que “a ampliación da Rede Natura non implica mudanzas na planificación eólica”, pola contra consideran que “dá a sensación de que son os intereses das enerxéticas os que marcan a proposta de protección formulada desde o Goberno”.