Medio Ambiente

A totalidade do litoral galego pasa a ser Rede Natura 2000

Necrópole da Lanzada, na costa das Rías Baixas. (Foto: Nós Diario)
O Goberno do Estado español xustifica a toma desta decisión sinalando que "o noroeste da península Ibérica constitúe un importante corredor migratorio para as aves mariñas".

A totalidade do litoral galego xa fai parte da Rede Natura 2000. Segundo se recolle no Boletín Oficial do Estado (BOE), o Ministerio para a Transición Ecolóxica decidiu aumentar os ámbitos da zona de especial protección de aves (ZEPA), que até a data só recollían determinados espazos fronte ás Rías Baixas, a Costa da Morte, Trasancos e Ortegal.

Neste sentido, o Executivo estatal aprobou "a ampliación das ZEPA localizadas na costa galega e cantábrica occidental para constituír un único espazo ZEPA, que pasará a denominarse Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental".

O Goberno do Estado español xustifica a toma desta decisión sinalando que "o noroeste da península Ibérica constitúe un importante corredor migratorio para as aves mariñas". Neste punto, destaca que "por esta zona pasan en números significativos até quince especies de aves mariñas, das que 12 cumpren criterios exclusivamente por migración".

A este respecto, significa que "máis  de un millón de aves mariñas pasan por esta zona durante o verán-outono (migración pos nupcial), a maior parte das cales proveñen do norte de Europa e Siberia occidental, aínda que tamén hai especies mediterráneas como a pardela balear".