A Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei manifesta a súa indignación ante as últimas obras levadas a cabo nos camiños de acceso a este Monumento Histórico-Artístico que foi declarado como tal en xuño de 1931 e que é Ben de Interese Cultural, BIC, pola Xunta de Galicia.
O colectivo fala de “disparate” perante actuacións e obras que “non respetan o monumento”, “esnaquizando unha vez mais partes importantes da muralla do XVII coa mais absoluta impunidade, empregando materiais de carácter irreversible como o formigón armado e subindo o nivel dunha calzada co que se está alterando a volumetría do monumento, a autenticidade a integridade e a lectura histórica”.
“Que pensarían a cidadanía e os xestores patrimoniais se cementaran e alisaran o acceso ao Hostal dos Reis Católicos? Estes cambios pesarannos moito co tempo, tanto como o cemento que levan enriba", indican desde a Plataforma lembrando a reflexión dunha técnica do Consello da Cultura Galega.
Para esta plataforma cidadá, é máis grave aínda que sexan administracións públicas “as responsables desta desfeita, incumprindo a súa obriga legal de protección do Patrimonio Cultural de Galiza”.