A eólica mariña ameaza hábitats protexidos vetados á pesca de fondo

Recreación dun parque eólico (Foto: Mar de Ágata)

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) permite que as empresas eólicas proxecten parques mariños en áreas da costa galega vetadas pola Comisión Europea para a práctica da pesca de fondo.

A asociación ecoloxista Adega denuncia a proxección de parques eólicos mariños en áreas do litoral galego que contan cunha recente protección ambiental da Comisión Europea (CE). Trátase de hábitats de fondos rochosos con corais fríos de alto valor ecolóxico.

As empresas eólicas basean as súas propostas no Plano de ordenación do espazo mariño (Poem). Este documento, proposto polo Miteco e aínda sen aprobar, delimita áreas preferentes e de alto potencial enerxético, e unha cartografía de hábitats e afeccións que non ten en conta os caladoiros de pesca nos que faena a frota galega.

Malia que o Miteco decretou unha moratoria no verán de 2021 até a aprobación dun novo marco normativo para as instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial, xa son 8 as empresas que presentaron proxectos de parques no espazo mariño galego.

Tal é o caso do recente parque eólico Galwind, proxectado fronte á costa do cabo de Ortegal e promovido pola empresa madrileña Instalaciones y Servicios Moscardó III, S.L. Este proxecto, aínda que apunta impactos negativos polos fondeos dos aeroxerdores e das subestacións, pretende ocupar unha tesela de 2,69 km2 con fondos rochosos de corais fríos. Existen, polo tanto, interferencias coas áreas nas que están presentes fondos rochosos con hábitats protexidos pola CE.

“Existe polo tanto unha significativa afección non declarada pola promotora do Galwind aos hábitats que a CE considera de interese para a conservación, os mesmos para os que acaba de decretar a exclusión da actividade pesqueira de fondo” declaran desde Adega.

A asociación ecoloxista denuncia tamén que o propio Poem inclúe áreas de “alto potencial eólico” que a CE considera hábitats sensíbeis e excluídas para a pesca con artes de fondo. “É escandaloso que por parte da CE se veten determinadas áreas para conservar os seus fráxiles ecosistemas, mentres o Miteco segue a permitir a súa ocupación polas instalacións eólicas”, sentencian.

Oito proxectos

O Breogán é o último parque eólico proxectado en augas galegas, facendo un total de oito os proxectos tramitados no país polo Miteco. Con este parque, catro de cada dez megawatts que se topan en estado de tramitación situaríanse na Galiza.

A totalidade destes oito proxectos atópase en mans estranxeiras, con enderezos fiscais que se sitúan na práctica totalidade en Madrid, entre elas Iberdrola, o grupo Cobra, Bluefloat e Senet, Ferrovial e Capital Energy.