Ecoloxistas alertan de que o parque eólico da Serra do Eixe afectaría fauna e flora protexidas pola UE

Unha zona do conxunto de Pena Trevinca e a Serra do Eixe, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Turismo da Galiza)

A Federación Ecoloxista Galega emitiu un informe negativo sobre a construción deste complexo ao considerar que non está xustificada a necesidade e que tería un grande impacto en zonas de alto valor ambiental. Tamén rexeita o posíbel dano aos recursos hídricos e á pasaxe.

O proxecto para crear un parque eólico na Serra do Eixe, na contorna de Pena Trevinca e do Macizo Central Galego, leva un non rotundo da Federación Ecoloxista Galega, que na fase de consultas inicial remitiu ao Goberno do Estado español un informe negativo no que destaca a advertencia de que se podería eliminar unha fauna e flora que, segundo a Unión Europea, cómpre protexer.

En concreto, a entidade dirixiuse á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Cambio Climático, para alertar de que a construción do parque implicaría “graves impactos”.

Neste sentido, no documento destaca que a zona posúe “valores naturais que se deben conservar”, pero tamén fala de que hai potencial para un desenvolvemento sostíbel.

De feito, as e os ecoloxistas lembran que preto do espazo que se querería aproveitar “xa existen instalacións hidroeléctricas a producir electricidade”. Neste sentido, insisten en que na documentación que se presentou para o proxecto nada “xustifica as necesidades enerxéticas”.

“Se ben é certo que é necesario transitar cara unha produción de enerxía que non incremente os niveis de gases de invernadoiro, esta transición non se pode realizar a costa de danar irreversíbelmente a biodiversidade nin os recursos que manteñen as poboacións rurais”, subliña a federación nun comunicado.

Un dos puntos destacados do informe negativo remitido ao ministerio porque na área decorre a transición do clima atlántico e o mediterráneo e hai plantas, animais e hábitats  especiais “que as directivas comunitarias obrigan a protexer”.

A maiores, alértase de que unha instalación eólica derivaría na destrución de solos pobres “pouco desenvoltos polas dificultades de evolución, pero que, precisamente por isto, é necesario conservar”. Con 31 xeradores hai que sumar o impacto na paisaxe.