As dúbidas que pairan sobre os plans industriais do concurso eólico de 2010

Parque eólico da serra da Capelada, na comarca de Ortegal. (Foto: Imaxepress)
Os proxectos empresariais asociados ao concurso eólico de 2010 foron presentados por Feixoo como “o maior plan industrial da historia da Galiza”. Doce anos máis tarde continúan sen executar na súa práctica totalidade, malia o desenvolvemento dalgúns dos parques eólicos aos que estaban asociados.

A denuncia da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) contra a Xunta por “eximir” a empresa Greenalia de pagar 11,7 millóns de euros á facenda pública galega en concepto de monetización do proxecto empresarial asociado aos parques eólicos de Campelo (Coristanco) e Lamas de Feás (Baltar) está a pór no foco os plans industriais ligados ao concurso eólico de 2010. 

A análise de 38 plans industriais do concurso eólico de 2010, recollida na Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos no país, publicada no Diario Oficial da Galiza de 28 de decembro de 2010, permite concluír que na súa gran maioría continúan sen ser executados.

A construción dunha planta de tratamento de residuos sólidos urbanos con xeración termoeléctrica de 50 megawatts e cinco plantas de transferencia foi o plan industrial máis ambicioso do concurso eólico de 2010. A proposta mereceu os parabéns do conxunto do Goberno galego, moi particularmente do entón conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que non dubidou en cualificala como “a Sogama do sur” e presentala como “a solución aos problemas de residuos da Galiza”.

A empresa impulsora desta iniciativa recibiu da Xunta 186 megawatts para desenvolvela, aparecendo como unha das grandes gañadoras daquela poxa. A compañía, Estela Eólica non foi quen de desenvolver o seu proxecto empresarial, cifrado en 287,1 millóns de euros e que prometía a creación de 498 empregos. Estela Eólica rematou absorbida por Gas Natural en 2016. 

O caso de Estela Eólica non foi unha excepción. O entón presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, indicou en 2010 que o concurso eólico dese ano ía representar un investimento de 6.000 millóns de euros e a creación de 12.000 postos de traballo. Porén, os resultados foron moi diferentes, sendo irrelevantes os plans industriais executados e carecéndose de datos sobre o recadado pola Xunta da Galiza en concepto de monetización dos proxectos empresariais. O deputado do BNG, Luís Bará rexistrou esta terza feira unha iniciativa no Parlamento da Galiza denunciando o acontecido coa poxa eólica de 2010 e reclamando do Executivo de Alfonso Rueda información a respecto do sucedido cos plans industriais e coas achegas ás arcas públicas comprometidas na orde de concesión dos parques. 

A potencia instalada non chega a 10%

Bará considera que o concurso eólico de 2010 “foi un auténtico fiasco porque en oito anos non se chegou a instalar nin 10% da potencia prevista e o noso país sufriu unha auténtica parálise no desenvolvemento do sector, agravada polos cambios normativos introducidos en 2013 polo Goberno do Estado do PP”.

Neste sentido, a propia patronal eólica, recoñeceu a parálise provocada no sector pola convocatoria de 2010. O deputado nacionalista reclama da Xunta da Galiza información sobre “cantos plans industriais dos previstos no concurso eólico de 2010 se desenvolveron, cal foi o seu investimento e cantos postos de traballo se crearon”. Asemade, preguntou por  “cantos proxectos dos adxudicados no concurso eólico de 2010 están actualmente en tramitación e que plans industriais levan asociados”. 

Na mesma liña, solicitou un informe a respecto dos “plans industriais previstos no concurso eólico de 2010, o seu grao de desenvolvemento e os plans que foron monetizados”. 

As dúbidas sobre a execución dos plans industriais de 2010 coinciden coas formuladas a pasada semana por Adega a respecto dos parques Campelo e Lamas de Feás de Greenalia. A asociación ecoloxista apuntaba que "unha situación semellante" pode darse "cos outros parques eólicos que tiveran a súa orixe na convocatoria de 2010 e que aínda se atopen en tramitación".