Do Banco Pastor e Inditex á procura de contaxios da Covid

Concentración do persoal de Universal Support en 2014, cando xa fora adquirirda polo Grupo Konecta (Imaxe: Nós Diario)
Persoal do Grupo Konecta forma parte do sistema de rastrexo que puxo en marcha a Consellaría de Sanidade, segundo aseguran os propios empregados. A multinacional desembarcou na Galiza tras adquirir Universal Support, empresa creada polo Banco Pastor, e posterirmente mercou Sum Talk, o call center que contaba con Abanca ou Inditex entre a súa clientela. O fondo de capital de risco ICG, con participacións en Konecta, é accionista maioritario de DomusVi.

Quen está doutro lado do teléfono nas chamadas de rastrexos da Covid-19? A día de hoxe, a Xunta da Galiza non aclarou como puxo en marcha a súa plataforma de seguimento, encargada dunha parte do servizo de rastrexo mediante teleoperadores e teleoperadoras.

O Grupo Konecta, unha multinacional con implantación na Galiza, ofertou no mes de agosto postos de emprego para esta tarefa. Nin a compañía nin a Xunta responderon as preguntas deste medio sobre a súa relación. Porén, o propio persoal confirmou que se están a levar a cabo labores de rastrexo na súa sede en Bergondo. 

Do Banco Pastor a R

A multinacional introduciuse na Galiza a través de Universal Support, unha empresa con 24 anos de traxectoria creada polo histórico Banco Pastor para fornecelo do servizo de telefonía e consulta de chamadas. Xunto coa entidade bancaria, Universal Support foi absorbida polo Banco Popular.

"Nese mesmo ano, o Grupo Konecta mercou a compañía ao Popular. Naquel momento a relación coa entidade xa non era a mesma e como se trataba do seu principal cliente comezaron os despedimentos", explica Carlos Parrondo, delegado da CIG na sede da compañía en Bergondo.

O Grupo Konecta BPO é unha multinacional especializada na externalización de procesos de negocio en pleno período de expansión, mais con sociedades noutros sectores como o inmobiliario. A adquisición da empresa de chamadas fundada polo Popular foi a súa porta de entrada na Galiza.

A multinacional prometera respectar os postos de traballo tras a súa compra. Porén, en 2014, o persoal de Universal Support desenvolveu dous paros laborais en contra da "vaga de despedimentos". Segundo denunciou a CIG, máis de 50 empregadas e empregados foran despedidos do centro naquel ano.

En 2017, a posterior absorción do Popular polo Santander supuxo "outro momento de incerteza" para o persoal. Paradoxalmente, a multinacional estaba participada polo Santander. Naquela altura os sindicatos con representación, CIG e CCOO, alertaron de que 198 postos estaban na corda frouxa. O cadro de persoal sumaba 280 persoas en Bergondo. A deslocalización de R, outro dos clientes de Universal, tras a súa  venda a Euskaltel tamén implicou despedimentos en Bergondo.

Abanca e Inditex

Dous anos despois o Grupo Konecta adquiriu outra compañía do mesmo sector que Universal Support, Sum Talk. Esta empresa, situada no polígono de Pocomaco da Coruña, pertenceu no seu día á Corporación Caixa Galicia. Anteriormente denominábase STD Multiopción e na súa carteira de clientes sumou Abanca ou algunhas das principais marcas de Inditex. Da súa man, Zara ou Zara Home deron o salto ao comercio en liña.

Ao temón das dúas empresas estaban situados dous integrantes dunha coñecida e influente familia afincada na Coruña. En Zara Home, Eva Cárdenas Botas; en Std Multiopción e logo Sum Talk, seu irmán Ignacio Cárdenas Botas. A primeira, actual parella do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, abandonou Inditex. O segundo figura ademais como apoderado de Std Multiopción logo da súa adquisición polo Grupo Konecta. 

O negocio das residencias

A día de hoxe, o Grupo Konecta é un xigante no sector con implantación en diversos estados e un conglomerado de empresas agrupadas baixo o seu paraugas. Do padroado da súa Fundación forman parte apelidos tan coñecidos no Estado español como Rosa Queipo de Llano Argote, Catalina Luca de Tena García-Conde ou Santiago Gil de Biedma.

Á expansión da multinacional a través da adquisición doutras empresas sumouse a participación en Konecta do fondo de capital de risco con sede británica Intermediate Capital Group. En febreiro de 2019, o fundador de Konecta, José María Pacheco, xunto con ICG alcanzou un acordo co Banco Santander e o fondo de investimento francés PAI Partners para adquirir 100% do grupo.

ICG é tamén o accionista maioritario de DomusVi, a marca do sector residencial que xestiona centros de maiores concertados na Galiza alén doutros privados, un total de 29. As súas orixes remóntanse a Caixanova, cando esta adquiriu a galega Geriatros, logo vendida por Novagalicia Banco.

O virus que rastrexa desde Bergondo Universal Support, que aínda conserva a súa denominación social, é o mesmo que irrompeu nalgúns dos centros de DomusVi na Galiza. E en ambos casos, a súa xestión xenera múltiples interrogantes. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta feira, día 26, nos quiosques ou na nube]