Grupo Konecta, a multinacional detrás do rastrexo da Covid-19 na Galiza

Test rápido de COVID-19 (David Zorrakino/EP).
Nesta semana reforzáronse as peticións da oposición para que a Xunta aclare con cantos rastrexadores conta. BNG, PSdeG , sindicatos e asociacións poñen en dúbida a cifra achegada por Alberto Núñez Feixoo, quen asegurou que máis de 6.000 persoas traballan en tarefas de seguimento. A delegada sindical do Grupo Konecta, que ofertou postos de rastrexo na Galiza, asegura a Nós Diario que arredor dun cento de persoas da empresa se dedican a este labor.  

A cada novo caso positivo de coronavirus detectado na Galiza séguelle o "rastrexo" dos contactos estreitos da persoa contaxiada, coa finalidade de identificar a orixe da cadea de transmisión. A clientela dun ximnasio, as persoas que asistiron a unha festa, a celebración dun xantar familiar. Para isto, a Consellaría de Sanidade anunciou en maio a posta en marcha dunha plataforma de seguimento de contactos, mais non aclarou nin a empresa que a xestiona nin o persoal que a integra.

A comezos do mes de agosto, o Grupo Konecta publicou ofertas de emprego dirixidas a "xestores Covid-19" e coordinadores do "servizo de xestores telefónicos Covid-19" para un "importante cliente na Coruña". Nin a multinacional, cunha sede no municipio de Bergondo, nin Sanidade informaron a este medio de se a propia Xunta é o cliente. Mais a delegada sindical por CCOO da empresa, Pilar Pérez Blanco, asegura a Nós Diario que se contratou persoal "para o rastrexo de contactos para a Xunta"

Teléfono de atención

Segundo explica Pérez Blanco, o primeiro servizo que asumiu o Grupo Konecta foi a xestión do teléfono 900400116 de información sobre a Covid-19 habilitado pola Xunta da Galiza. Anteriormente, quen contestaba do outro lado da liña era persoal do 061, dependente da propia Consellaría de Sanidade.

"Nos primeiros días as chamadas aumentaron moito, o 061 foi incapaz de asumilas e derivaron a liña a unha compañía con sede en Bergondo", explica a Nós Diario Mario Otero, presidente da xunta de persoal do 061.

A propia Pilar Pérez Blanco formou parte da equipa que asumiu o teléfono entre o mes de marzo e o de abril. "O número de persoas que nos encargamos diso variou, con até 80 e 90 nos inicios. Despois houbo unha baixada importante e ficaron entre 10 ou 15", detalla. O persoal da empresa, o Grupo Konecta, contesta entre as 9 e as 22 horas e en horario nocturno as consultas derívanse de novo ao 061. 

Rastrexo de contactos

De cara ao desconfinamento, a capacidade para detectar e responder ante novos focos de coronavirus foi un dos requisitos do Goberno estatal para que un territorio avanzase de fase. Concretamente, unha das condicións foi a posta en marcha dun sistema de vixilancia e monitorización diaria dos casos e mais a súa notificación. Nese senso, comezaron a desenvolverse aplicacións tecnolóxicas e puxéronse en marcha servizos de seguimento con persoal.

Non existe un protocolo estatal que guíe a proporción axeitada entre o número de rastrexadores e o de habitantes nestes servizos. Tampouco se especificou quen debe asumir esa tarefa. O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, apuntou á Atención Primaria mais admitiu que non tiña que recaer necesariamente neste persoal.

O servizos de saúde contan con especialistas, caso dos servizos de alertas epidemiolóxicas das Xefaturas Territoriais da Consellaría de Sanidade na Galiza. A pandemia exixiu ampliar a súa capacidade e a Xunta optou por unha "plataforma tecnolóxica de seguimento", que se coordinaría cos servizos de Medicina Preventiva ou Atención Primaria asumindo o seguimento dos positivos confirmados ou a procura dos seus contactos estreitos. Unha decisión cuestionada por asociacións e sindicatos

O Grupo Konecta

O 2 de xuño, nunha resposta ao Sindicato de Enfermaría (Satse), o Sergas detalla que "o centro de seguimento de contactos" é o "modelo de central única escollido por Galiza para realizar" a tarefa de "prevención e control epidemiolóxico" ante a Covid-19. "Aprovéitase a experiencia da central que xestionou desde o inicio da pandemia a liña gratuíta 900400116".

En maio, Sanidade informou de que traballaban na plataforma 20 operadores, con vistas a ampliar o seu número a 50. Apenas mes e medio despois, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que máis de 6.000 persoas realizaban tarefas de seguimento de contactos.

Nin a compañía que xestiona a plataforma nin o número de profesionais actual foron aclarados pola Xunta. Pérez Blanco asegura que se trata do Grupo Konecta en Bergondo. "Faise un seguimento dos casos positivos e pídeselles o teléfono dos seus contactos estreitos", explica, especificando que na tarefa están empregadas actualmente "sobre cen persoas" e que descoñece se hai outras compañías "traballando para a Xunta".

Nas últimas contratacións para este servizo, o Grupo Konecta exixiu unha titulación sanitaria. Así se reflicte nas ofertas de emprego publicadas pola compañía a comezos do mes de agosto, nas que exixe a titulación de Enfermaría. Noutros, abonda a matriculación en estudos de Enfermaría, Medicina ou Farmacia. "Cando arrancou o servizo só había teleoperadores e xestores sen titulación sanitaria", salienta Pérez Blanco, quen descoñece se hai alumnado traballando.

A delegada sindical, que xa non forma parte de ningún servizo de atención da Covid-19, engade que as funcións dos teleoperadores e dos xestores son diferentes. "Os primeiros teñen un guión estabelecido nunha pantalla, os segundos poden facer preguntas que non están nese guión, cunha maior flexibilidade", exemplifica. En ambos os casos, a formación impartida pola compañía ás persoas que se incorporaron ao rastrexo foi "moi básica". 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta feira, día 19, nos quiosques ou na nube]