Venda do Pastor: 70% do negocio bancario en Galiza fica en mans de dúas entidades

  • Un nivel de concentración bancaria que non atopa parangón na contorna.
  • O futuro da Fundación Barrié e a continuidade do Pastor, dúas das cuestións abertas.
Banco Santander

Por volta de 70% do negocio bancario en Galiza vai ficar en mans de dúas entidades, Abanca e o Santander resultante de engolir o Popular-Pastor. Unha porcentaxe considerábel do mercado, moi superior ao que se rexistra en países europeos, onde se tenta evitar este tipo de situacións polo que poden supoñer de ir cara a un oligopolio - case se podería dicir un duopolio no caso galego-

En 2016 cinco grandes bancos (Caixabank, Santander, BBVA, Bankia e sabadell) copaban 60 por cento do negocio bancario do Estado español, A porcentaxe superaba amplamente a que se rexistraba en Alemaña, onde as principais entidades sumaban pouco máis de 30% do pastel. En Francia non chegaban a 50% e no Reino Unido anda abeirando 40%. Comparada coa nova realidade que se albisca no mercado galego, son porcentaxes ben pequenas.

Esperanza para o Pastor?

Embora comprado polo Banco Popular en 2011, o Banco Pastor mantivo, e mantén a día de hoxe, ficha bancaria propia. Apostará o Santander en mantela? Fontes consultadas confían en que así sexa e que Botín non opte por “achaparrar” todo baixo a marca do Santander. Apuntan a favor de preservar o Pastor que é unha marca non ‘lixada’, que ten unha rede estábel e solvente de 200 oficinas, depósitos de clientes por máis de 8 millóns de euros. En contra? Que desde o Santander xa indicaron que queren que todo sexa a mesma marca, Santander, e a duplicidade de oficinas en máis dun cento de concellos, situación que o banco de Ana Botín non semella disposta a asumir.

Fundación

Que pasará coa Fundación Barrié de la Maza? Esa é outra das preguntas que non poucos se fan após coñecer a compra do Popular-Pastor polo Santander. Propietaria dun importante corpo documental e dunha relevante colección artística, comprometida en eidos como educativo, investigador ou o editorial; a Fundación fica nunha situación difícil. A vía do financiamento a través dos dividendos procedentes das accións que posuía do Banco Popular, arredor de 1,5 por cento, desaparece, é cero. Fica, pois, a vía dos alugueiros que o Popular pagaba conforme ao acordado no contrato de venda do Banco Pastor. No 2015 a Fundación ingresou perto de 6 millóns de euros do Popular en concepto de arrendamentos.

Este contrato de aluguer é 20 anos, con posibilidade de amplialo a 40. Na Fundación cruzan os dedos para que o Santander o respecte. Desde a Xunta de Galiza, que durante todos estes días optou por se poñer de perfil embora estar en xogo a súa entidade de Galiza, indicaron esta cuarta feira que van estar atentos ao que poida acontecer na Fundación. 

Comentarios