O rastrexo da Covid-19, un opaco labirinto

Os rastrexadores encárganse de localizar os casos positivos para tratar de rachar as cadeas de contaxio (Imaxe: M.Dylan/Europa Press).
En maio, a Consellaría de Sanidade puxo en marcha unha plataforma tecnolóxica de rastrexo formada por operadores. A plataforma tamén asumiu o teléfono de información xeral sobre o coronavirus e mais o habilitado para visitantes de áreas de alta incidencia da Covid-19. A Xunta asegurou que incrementaría o número de operadoras segundo evolucionase a pandemia, mais desde maio non actualiza esta cifra. Tampouco especifica que entidade se encarga de xestionar a plataforma. O Grupo Konecta publicou este mes, no que se rexistrou unha alza dos contaxios, ofertas de emprego para tarefas de rastrexo. Porén, nin a compañía nin Sanidade aclararon a este medio o papel da primeira na plataforma.

A tarefa dos rastrexadores consiste en localizar persoas que estivesen en contacto con doentes da Covid-19, para illalas e rachar coas cadeas de transmisión da enfermidade. Na Galiza, esta tarefa foi centralizada nunha plataforma de operadores supervisada por persoal do Sergas. Porén, a cidadanía non pode coñecer nin a entidade que a puxo en marcha nin o número de persoas que traballan nela, pois a Consellaría de Sanidade non ofrece esa información.

O 11 de maio, Sanidade anunciou a posta en marcha dunha "plataforma tecnolóxica de seguimento" para o rastrexo e monitorización dos contactos das persoas contaxiadas por Covid-19. O departamento detallou que a plataforma contaría cun equipo inicial de "vinte operadores" que, estimaba, superaría os cincuenta "nas vindeiras dúas semanas". A cifra incrementaríase conforme á evolución da pandemia.

A cadea de rastrexo comeza cunha consulta médica na que un facultativo diagnostica a unha persoa como casos sospeitoso, solicitando unha proba PCR mentres recomenda corentena preventiva. Nese momento activaríase a plataforma, que chamaría a esta persoa para solicitar os datos daquelas outras coas que mantivo contacto estreito. Con elas repetiríase este procedemento, sempre seguindo un "protocolo único" e "centralizado". 

Unha plataforma opaca

No seu comunicado, Sanidade non detallou os motivos polos que se optara por operadores nin a empresa ou entidade  á que se recorrera para levar a cabo esta tarefa. Tampouco especificou a formación exixida a este persoal nin a achegada para podela desempeñar.

Cinco días despois, fontes de Sanidade indicaron que a plataforma asumira a atención do teléfono gratuíto que a Xunta habilitou para que a cidadanía solicite información sobre o coronavirus. E, a maiores dos operadores desta plataforma, sinalaron que nas tarefas de rastrexo tamén participan os servizos de Medicina Preventiva e técnicos de vixilancia epidemiolóxica das Xefaturas Territoriais de Sanidade e dos Servizos Centrais da Consellaría.

Sindicatos con representación no Sergas criticaron a falta de concreción á hora de informar desta medida. "Non nos explicaron nada, preguntamos tres veces e fixeron que non oían", lamentou Emilia Lamas, voceira de CCOO. A responsábel de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, compartiu a súa preocupación porque "unha empresa externa vaia ter os datos sociais e de asistencia" de persoas e demandou saber "que empresa é" e "a través de quen" foi contratado o equipo de operadores.

Desde entón, a Xunta da Galiza non volveu informar de cantos teleoperadores traballan na plataforma tecnolóxica de seguimento. O 23 de xullo, nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que "máis de 6.000 persoas teñen dentro das súas funcións a de detección e seguimento, tanto en Primaria, como en Preventiva como no ámbito técnico".

Nesa mesma rolda, Núñez Feixoo declarou que a plataforma tecnolóxica tamén asumiría o control de visitantes procedentes de territorios con alta incidencia da Covid-19. A información recollida nas súas chamadas serve para elaborar unha base de datos destas persoas. Os operadores, engadiu o líder do Executivo galego, tamén lles facilitan "recomendacións".

A cifra que ofreceu o presidente galego foi a mesma facilitada pola Consellaría de Sanidade ás consultas de medios estatais e galegos. A mesma empregada en comparativas  do número de rastrexadores en distintos territorios. A diferenza radica en que algúns achegan a cifra específica de rastrexadores, mentres que a Xunta engloba nela a quen realiza esas tarefas "de detección e seguimento".

As declaracións de Núñez Feixoo espertaron as críticas da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. "O persoal sanitario do Sergas non recibiu ningunha formación para realizar esta actividade", replicou a asociación. 

Persoal externo do 061

O Sindicato de Enfermaría, Satse, explica a este medio que preguntou no mes de maio ao Sergas pola entidade que xestiona a plataforma telefónica. "Responderon que son teleoperadores do 061, non o propio persoal senón externo, contratado especificamente e supervisado polas direccións xerais de Saúde Pública”, informa a este medio a súa voceira, Carmen García Rivas.

O 061 e o teléfono e a maneira común de denominar o Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza, dependente do Sergas. A empresa Fidelis é a concesionaria actual do persoal teleoperador, externalizado. Preguntado por Nós Diario, un dos seus traballadores confirma que non están a desempeñar tarefas de rastrexo da Covid-19.

Nun comunicado do 27 de maio, Satse argumentou que é un "hándicap" que os teleoperadores conformen o groso do servizo de rastrexa ao non xerar "a mesma confianza na poboación" e suxeriron que se encomendase a tarefa ao propio servizo de Enfermaría consultor do 061, que podería asumila cun "reforzo de profesionais".

Alén da resposta a Satse, nin a Consellaría de Sanidade nin a Xunta comunicaron publicamente cal é a entidade ou empresa encargada da plataforma tecnolóxica nin o persoal que a conforma.  A pasada cuarta feira, o BNG solicitou información á Administración galega. "Non damos por válido o dato de que a Xunta ten 6.000 rastrexadores", sostivo a voceira de Sanidade  na Cámara galega, Montse Prado.

Tamén o PSdeG solicitou explicacións ao respecto. Julio Torrado, tamén voceiro de Sanidade no Parlamento, reclamou na mesma xornada á Xunta que dea a coñecer o número de rastrexadores en activo e cantos están asignados á comarca da Coruña. O parlamentario pediu así mesmo que explique cal foi o método de selección do persoal e quen se encarga da dirección do seu traballo. 

Ofertas de rastrexo

Nós Diario dirixiu repetidamente á Consellaría de Sanidade cuestións similares, sen resposta. A maiores, preguntouse especificamente por unhas ofertas laborais publicadas polo Grupo Konecta nun portal de emprego e mais a través da Escola de Enfermaría da Coruña, relacionadas co rastrexo de contactos.

O Grupo Konecta, que o pasado ano adquiriu o call center galego Sum Talk, publicou varias ofertas de emprego os días 4 de agosto e hai seis días. Unha delas, con vinte postos vacantes, está dirixida a persoal diplomado en Enfermaría un ano mínimo de experiencia para coordinar un "servizo de xestores e xestoras telefónicas de Covid-19 para colaborar cun importante cliente situado na Coruña".

Outra, tamén dirixida a persoal de Enfermaría con experiencia, oferta outras vinte vacantes para outro "importante cliente situado na Coruña". Entre as tarefas citadas inclúe realizar chamadas a persoas que estivesen en contacto con casos positivos de Covid-19, revisións de expedientes de pacientes con posíbel Covid-19 ou o seguimento telefónico de posíbeis contaxiados.

Unha terceira oferta, publicada hai seis días con 14 vacantes e xa fechada, procuraba estudantes ou persoas tituladas en Enfermaría, Farmacia ou Medicina cun nivel alto de galego. As tarefas descritas son similares ás da segunda oferta mencionada, aínda que neste caso nin a titulación nin a experiencia son un requisito e se especifica o salario, de entre 18.000 e 21.000 euros brutos ao ano.

Ante o silencio da Consellaría de Sanidade, este medio púxose en contacto coas oficinas do Grupo Konecta en Bergondo, ao que preguntou se o persoal contratado a través desas ofertas se incorporará á plataforma tecnolóxica de seguimento da Xunta. Fontes da compañía responderon que non poden ofrecer esa información. "Só podemos confirmar que esas ofertas de emprego foron publicadas, deben preguntar á Xunta", engadiron. 
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da sexta feira, día 14, nos quiosques ou na nube]