Defensa da Sanidade celebra o "rotundo éxito" da manifestación e ve "desesperadas" as medidas anunciadas pola Xunta

Miles de persoas percorreron este domingo as rúas de Compostela en defensa da sanidade pública. (Foto: Arxina)
"Consideremos que é unha reacción á desesperada, destinada a frear o apoio profesional á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade", afirma a asociación.

A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) considera un "rotundo éxito" a manifestación decorrida este domingo en Santiago, na que participaron miles de persoas, á vez que ve "desesperadas" as medidas para o Sergas anunciadas pola Xunta a semana pasada.

A través dun comunicado remitido aos medios esta segunda feira, o colectivo resume estas solucións en que consisten, "basicamente, en ofertar 400 prazas en propiedade" a través de concurso de méritos —sen oposición—, o que cualifica de "cacidada".

Por outra parte, engade a AGDSP, a creación destas prazas "contradí o argumento esgrimido pola Consellaría de Sanidade, de que non hai médicos para contratar". "Isto demostra unha vez máis que a administración sanitaria galega non é de fiar e falsea a realidade con ocorrencias atropeladas", lamenta a entidade.

Todas estas medidas, de feito, foron adoptadas "de maneira precipitada tras anos de falta dunha política de persoal desastrosa baseada na estabilidade e a precariedade" do persoal de atención primaria. "Consideremos que é unha reacción á desesperada, destinada a frear o apoio profesional á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade", engaden.

Xunto a estas cuestións, a asociación afea a pretensión do Sergas de "ofertar un sobresoldo" a médicos que fagan gardas nos puntos de atención continuada (PAC) para "ampliar a actividade de profesionais sometidos a unha presión asistencial desbordante".

"Suporía un risco para a poboación, xa que incrementaría a posibilidade de erros médicos", alerta, para seguidamente concluír que o que precisa o persoal sanitario é "estabilidade e unhas condicións laborais dignas e xustas".