O Goberno español lembra a Feixoo que a sanidade é competencia autonómica tras arremeter contra o Ministerio

Unha muller sostén unha roda na que se pode ler 'Presidente', na manifestación deste domingo convocada por SOS Sanidade Pública. (Foto: Arxina)
"Non deixou de sorprenderme que o líder do principal partido da oposición, que xestionou a sanidade pública na Galiza, onde tamén se mobilizaban onte [polo domingo] os profesionais sanitarios, veña a responsabilizar o Goberno de España desta situación", di a ministra portavoz Isabel Rodríguez.

A ministra portavoz do Goberno español, Isabel Rodríguez, arremeteu esta segunda feira contra o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, por achacar a Moncloa a situación da sanidade pública tras as manifestacións do domingo en cidades como Madrid ou Santiago de Compostela. Así, lembroulle que é unha competencia transferida ás comunidades autónomas.

"Non deixou de sorprenderme que o líder do principal partido da oposición, que xestionou a sanidade pública na Galiza, onde tamén se mobilizaban onte [polo domingo] os profesionais sanitarios, veña a responsabilizar o Goberno de España desta situación", afeoulle, en declaracións a Telecinco.

Tamén defendeu que o Goberno de PSOE e Unidas Podemos "está a dar a volta a toda unha era de recortes" en sanidade cando gobernaba Mariano Raxoi. "Dicíasenos que viviamos por encima das nosas posibilidades, que tiñamos moitos hospitais e centros de saúde. Esa foi a forma do PP de gobernar hai dez anos", criticou.

En concreto, Núñez Feixoo afirmou este domingo, saíndo en defensa da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso: "Non se crean prazas de médicos, non amplían a oferta dos MIR e non hai médicos de atención primaria nin pediatras. E a culpa téñena os presidentes do PP? Sorprendente conclusión. Agora xa entendo por que non hai prazas e non interesa solucionalas agora".

Rodríguez incidiu en que a transferencia da sanidade ás comunidades é un "éxito colectivo" do Estado español e que desde o Goberno están centrados agora en "reforzar" as capacidades das autonomías. "Por suposto que somos sensíbeis e que queremos blindar e coidar a sanidade pública, e sabendo que é unha competencia autonómica, estamos a entregarlles os máximos recursos", defendeu a ministra.

Ademais, manifestou que o Executivo está a facer "cambios importantes", como ofertar máis prazas para estudantes de Medicina nas universidades para que haxa máis persoal dispoñíbel, en especial para a atención primaria, ou "flexibilizar" as xubilacións de sanitarios.

Isabel Rodríguez, que sinalou que o PSOE defende "un modelo distinto" ao do PP, preguntou a Feixoo se considera, "como dicía Raxoi", que en sanidade a cidadanía viven por riba das súas posibilidades "ou, pola contra, cre que hai que investir máis" e "non insultar aos sanitarios, senón reforzar as súas condicións de traballo".