Rueda responde desde Lalín ás miles de persoas que se manifestan en Compostela pola sanidade pública

O presisente da Xunta mostra "absoluto respecto" polos que "piden melloras" en sanidade, pero cre que a oposición "intenta crispar".
Alfonso Rueda estivo na Festa do Cocido de Lalín este domingo, 12 de febreiro. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda, na Festa do Cocido de Lalín este domingo, 12 de febreiro. (Foto: Xunta da Galiza).

Alfonso Rueda, amosou "absoluto respecto" polos que "piden melloras para a sanidade", pero acusou os partidos políticos da oposición de pensar "clarísimamente" nas eleccións de maio e en "intentar crispar".

En declaracións aos medios na Feira do Cocido de Lalín, pouco antes de que dese comezo en Compostela a manifestación convocada este domingo por SOS Sanidade Pública, Rueda censurou que os partidos políticos "non están a pensar hoxe na sanidade" porque, na súa opinión, "na sanidade non se pensa un día, trabállase sempre".

Así, asegurou que a oposición pensa "clarísimamente" nas eleccións municipais do próximo mes de maio ademais de "non recoñecer absolutamente nada e falar sempre mal da sanidade na Galiza".

"Dicir que nada se fai e que todo empeora é simplemente un cálculo electoral e pensar que coa sanidade se pode xogar para outras cousas que non teñen que ver con ela. Diríalles que tivesen un pouquiño de 'sentidiño'. Está ben criticar, pero tamén está ben recibir algunha vez algunha proposta sensata", defendeu.

Descualificacións "partidistas"

Esta semana, Rueda xa avanzou que se ía achegar a Lalín a comer o cocido coincidindo coa manifestación en defensa da sanidade pública, unha convocatoria que desde o Goberno galego insiten en decualificar tachándoa de "partidista e politizada".

Fronte a estas acusacións, Manuel Martín, voceiro da plataforma, asegurou a este xornal a pasada cuarta: "Efectivamente propomos políticas sanitarias, mais non partidarias. Aquí mesmo os propios votantes do PP teñen a necesidade de cambiar a situación", por iso, concluíu, maís que unha manifestación isto é "un clamor socialpropomos políticas sanitarias, mais non partidarias. Aquí, mesmo os propios votantes do PP teñen a necesidade de cambiar a situación", afirma.  "Por iso non é só unha manifestación ou unha iniciativa, é un clamor social da Galiza para mudar a Atención Primaria".

Respecto ás usuarias que piden melloras

Con todo, o presidente da Xunta si mostrou o seu "absoluto respecto" por quen pide "melloras para a sanidade". "É o que estamos intentando facer", salientou antes de sinalar que as medidas tomadas nos últimos meses son "pioneiras en toda España" e "serán imitadas noutras comunidades". "Iso é o que temos que facer", insistiu.

Así mesmo, volveu a reiterar que estamos ante un momento "moi complexo" en todas os territorios. Nesta mesma liña, trasladou a "toda esa xente" que lles pide que melloren que están a facer "todo o posíbel". "Por suposto, respectamos a súa petición e o seu desexo de que as cousas melloren e niso estamos", concluíu.

As demandas de SOS Sanidade

A plataforma SOS Sanidade Pública sae á rúa para sinalar "os graves problemas de acceso á asistencia sanitaria coa hexemonía da ineficiente consulta telefónica, listas de agarda que poñen en perigo aos pacientes, falta persoal médico de familia e pediatría e feches de PAC e centros de saúde no rural".

A estes atrancos suman outros de xestión por parte do Goberno galego, que mantén, din, un orzamento para a Atención Primaria "que supón a metade do orzamento necesario segundo a Organización Mundial da Saúde" ou a súa negativa a "aprobar un Plan Extraordinario e Urxente para solucionar a falta de persoal sanitario nos centros de saúde.

O gasto sanitario por persoa en Atención Primaria, dos máis baixos do Estado, e un incremento da mortalidade "non explicábel pola epidemioloxía" son outros dos motivos que exhiben no inicio da súa reivindicación.

"Consideramos que a cidadanía non pode aceptar resignada e submisamente o desmantelamento e deterioro da Atención Primaria pública que pretende impor a Xunta, polo que e necesaria súa mobilización, en alianza co persoal sanitario, sometido a unhas condicións de precariedade, baixos salarios e unha elevada presión asistencial".

Comentarios