Ana Pontón: "Basta de recortes, o PP debe escoitar a cidadanía que defende a sanidade pública con dignidade e corazón"

A líder do BNG cualificou este día como "unha xornada emocionante e histórica".
An Pontón na cabeceira da manifestación xunto a Manuel González Moreiras, secretario xeral de CIG-Saúde.
photo_camera An Pontón na cabeceira da manifestación xunto a Manuel González Moreiras, secretario xeral de CIG-Saúde.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistiu esta mañá á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela para defender o dereito á saúde dos galegos e das galegas.

Na súa intervención, a líder do BNG cualificou este día como "unha xornada emocionante e histórica, na que miles de persoas cargadas de razón e coa forza do corazón se xuntan para dicirlle ao PP que non siga xogando coa súa saúde".

Pontón explicou que nos plans do BNG sempre vai estar ficar do lado da cidadanía, "tanto na rúa como nas institucións" fronte a "un Partido Popular que se converteu nun perigo para a saúde dos galegos e as galegas".

"Basta xa de recortes, basta xa de listas de espera interminábeis en Atención Primaria, basta xa de precariedade co persoal que nos coida e ao que nós tamén temos que coidar", engadiu.

Non máis "soberbia"

Pontón puxo de manifesto que "coa saúde do país non se xoga, porque é o que diferencia unha sociedade avanzada dunha que non o é" e instou o PP a escoitar a "unha cidadanía con conciencia, dignidade e valentía que lle está dicindo 'non' aos 13 anos de recortes do seu Goberno" e a non seguir "na soberbia, nas mentiras e en insultar á cidadanía".

A portavoz nacional do BNG apelou ao "clamor" da sociedade galega, para engadir que "non se pode seguir deteriorando" a sanidade.

"A sanidade pública unha das grandes conquistas sociais que temos como sociedade. Queremos que nos pidan a tarxeta sanitaria e non a bancaria así que, coa nosa saúde, nin un paso atrás", concluíu.

Comentarios