Miles de rostros unha soa voz: Galiza reclama unha nova xestión da sanidade pública

O Obradoiro, ateigado de manifestantes.
Miles de persaos mobilizáronse en Compostela este domingo para reclamar un novo modelo Atención Primaria capaz de fortalecer unha asistencia sanitaria integral, pública e de calidade.

Miles de persoas manifestáronse polas rúas de Compostela convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública en resposta á "grave situación" pola que atravesa a Atención Primaria e "o conxunto" do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

"A cidadanía esperta" advertiu o portavoz da plataforma convocante, Manuel Martín, ao Goberno galego do PP no arranque da marcha, momento no que volveu demandar melloras en toda a sanidade pública galega, especialmente en Atención Primaria, en pediatría e matronas. Son, dixo os servizos máis afectados polos "recortes" da Xunta.

Entre os asistentes, decenas de cargos institucionais de toda a Galiza, así como a líder da oposición, Ana Pontón, o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, e o coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón.

Camiñaron desde a Alameda até a praza do Obradoiro acompañados por miles de persoas procedentes de toda a Galiza, moitas polos seus propios medios e a maioría organizadas por entidades e colectivos locais e comarcais comprometidos coa mellora da sanidade pública.

A voz das persoas maiores

Susa, de 74 anos, viaxou desde o Barbanza canda os seus para amosar a súa "desconformidade" coa situación actual da sanidade. "Só hai que ver como está", afirma en declaración a Nós Diario e apunta directamente ás esperas tanto na Atención Primaria "dunha semana" como para visitar un especialista no hospital "de até tres meses".

Con 50 citas diarias pouco máis poden facer que mirarnos aos ollos e pedir que marchemos

Esta veciña de Noia foi unha das moitas persoas maiores que se achegaron a Compostela, que venceron as distancias e a idade para se pronunciar en contra da xestión sanitaria que botou man das citas telefónicas e puxo cancelas ás presenciais.

Susa chama a rebaixar as axendas diarias do persoal médico. "Con 50 citas diarias pouco máis poden facer que mirarnos aos ollos e pedir que marchemos". Baixo o seu punto de vista as e os profesionais sanitarios están a ser "utilizados". "Están nunha situación crítica e nós queixámonos deles, pero a súa situación está determinada pola política do PP".

Salvar a sanidade do rural

Manolo ten 36 anos, traballa no ámbito do asociacionismo acompañando persoas con discapacidade e é veciño de Monforte de Lemos onde, si, están a pagar o desmantelamento dos hospitais comarcais.

Vimos do Nadal, sen pediatras en ningún centro de saúde e atopámonos con que hai que desprazarse seguido para podermos ser atendidos

Fala dun "desmantelamento programado e sistemático" que compre parar. "No hospital acusamos a falta de especialistas, pero no rural tamén levamos tempo sen pediatras. Vimos do Nadal, sen pediatras en ningún centro de saúde e atopámonos con que hai que desprazarse seguido para podermos ser atendidos".

As políticas públicas teñen que mudar, asegura dubida que o vaian facer se antes non cambia quen está á fronte do Goberno.

"É de xustiza"

Tras se manifestar onte en Verín para reclamar pediatras para a súa localidade e para toda a comarca, Cristóbal, bombeiro forestal, desprazouse hoxe até Compostela para defender a sanidade pública. Ten 36 anos e entende que é un dos piares do estado de benestar.

Está claro que o pobo o que quere é que haxa sanidade pública, así que aos políticos tócalles cumprir co que o pobo exixe

"Como se dicía onte en Verín os dereitos que non se defenden, pérdense, por iso, é de xustiza estar hoxe aquí", reclamando "o que é noso", hospitais e centros de saúde dotados de persoal suficiente para atender as necesidades de todos os grupos de idade.

Ao final o pobo é quen elixe os políticos. Está claro que o pobo o que quere é que haxa sanidade pública, así que lles toca cumprir co que o pobo exixe".

Fuxir da precariedade

Desde a Arousa, Mila chegou a primeira hora a Compostela para se xuntar con máis coñecidos e manifestarse da man. Ten 54 anos e é mestra.

A precariedade da sanidade e das profesionais sanitarias supón unha sociedade máis fráxil e afonda na desigualdade

"Defender a sanidade pública é protexer a nosa saúde, un dereito fundamental e un dos piares sobre o que se constrúe o benestar social. Non podemos permitir o seu desmantelamento en beneficio duns poucos".

Segundo di, "a precariedade da sanidade e das profesionais sanitarias supón unha sociedade máis fráxil e afonda na desigualdade, que ao final sempre sofren os colectivos máis vulnerábeis ou desfavorecidos".

Unha primaria abandonada

A da Mariña é unha das comarcas máis activas en defensa da sanidade pública. Mobilízase na casa e tamén a ducias de quilómetros. Adolfo, sanitario de 54 anos, chegou a Compostela esta mesma mañá. "Pero sei de xente que xa saíu onte para estar hoxe aquí". Moitos viñeron en coches particulares e outros en catro autobuses organizados.

"Vimos defender unha sanidade pública universal e gratuíta, nomeadamente unha Atención Primaria totalmente abandonada, sen médicos, sen enfermeiras, sen fisioterapeutas, con listas de esperas que hai anos eran inconcibíbeis".

Fala de até 15 días de espera para poder ver o médico de cabeceira, unha demora que deriva os doentes cara as urxencias hospitalarias bloqueando ese servizo.

"Un día tras doutro vemos a sanidade bloqueada por un mal funcionamento da Atención Primaria".