Valentín G. Formoso pide a Rueda escoitar o "clamor unánime" contra o deterioro e a privatización da sanidade

O líder dos socialistas galegos encabezou a representación do PSdeG na manifestación en defensa da sanidade pública en resposta aos "silencios, ocorrencias e parches" do PP
Valentín González Formoso na praza do Obradoiro. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Valentín González Formoso na praza do Obradoiro. (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou que o clamor social reunido na manifestación en defensa da sanidade pública resume "o que pensa o mundo sanitario e tamén a sociedade civil" da "aposta polo deterioro, a devalo e a privatización" na sanidade dos últimos 13 anos de Gobernos do PP na Galiza.

O líder dos socialistas galegos exixiulle ao presidente da Xunta que escoite a defensa unánime "daquilo que máis queren os galegos e as galegas, que é o sistema de saúde público", que constitúe un "piar do Estado do benestar e do sistema de vida" de miles de persoas no territorio.

Contestación social

A mobilización, engadiu, é a resposta ao "silencio rotundo" do Goberno galego ás propostas dos socialistas para a recuperación e a mellora da sanidade pública.

Segundo dixo Formoso, "hoxe vámosllo explicar doutra maneira" logo de "moito tempo intentando que escoitaran as propostas para o mundo sanitario" ofrecidas dende a experiencia de xestión institucional de organizacións como o PSdeG.

Formoso sinalou a "contestación social" a un Goberno galego que só reaccionou con "ocorrencia tras ocorrencia e parche tras parche", en alusión ás medidas propostas polo Executivo do PP diante da organización desta manifestación.

A convocatoria, sinalou, é a reacción a máis dunha década de "deterioro" e colapso dos servizos sanitarios "que prexudica a toda a sociedade galega".

Ampla representación socialista

O secretario xeral dos socialistas encabezou este domingo unha delegación cunha ampla presenza de representantes públicos e orgánicos do PSdeG de toda a Galicia, cos alcaldes de localidades como Vigo, Santiago, Lugo, Vilagarcía, Ames, O Grove, Viveiro, Caldas de Reis ou Meis, entre outros, así como os responsábeis das deputacións e parlamentarios no Congreso e na cámara autonómica.

Comentarios