Defensa da sanidade pública sinala a "desvergoña" do PP e lembra a competencia da Xunta nas residencias

Primeiras visitas nunha residencia de maiores en Vigo (Europa Press).
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública exixe unha investigación e que se "interveñan" os centros de maiores máis "perigosos para a saúde" dos seus residentes. 

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública posiciónase perante as responsabilidades atribuídas ao Estado sobre as residencias de maiores e salienta a "desvergoña do Partido Poular, da ex ministra Ana Pastor e do presidente Feixoo" para subliñar que "as transferencias están na Galiza".

Nun comunicado emitido este sábado, o colectivo lembra que "o Consello de Contas, no seu informe de fiscalización do ano 2018, deixa ben claro que no artigo 27.23 do Estatuto de Autonomía da Galicia: "outorga á Xunta a competencia exclusiva en materia de asistencia social e control de residencias a través da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría".

Así, engaden a denuncia de "irregularidades no proceso de concesión, diminución dos controis, incumprimento dos cocientes de persoal e dos protocolos de actuación e seguridade", especialmente nas residencias de maiores de xestión privada, que realiza o Consello de Contas.

Neste sentido, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública "exixe" que se abra unha investigación sobre o sucedido nas residencias de maiores do país, que se "interveñan" as "máis perigosas para a saúde das súas residentes" e que se "desenvolva unha rede de residencias públicas, rescatando as privatizadas". 

Ademais, reclaman que se elabore un "novo modelo de atención ás persoas maiores" que estea "consensuado" con todas as entidades implicadas no coidado dos e das persoas da terceira idade.

Na súa nota, desde o colectivo tamén apuntan ás "consecuencias legais" que poida ter "o 'protocolo' para non trasladar aos anciáns con dependencia severa aos hospitais", o cal sinalan que aplicou o Goberno de Feixoo.