Defensa da Sanidade pide auditar os centros de maiores con COVID-19

Residencia de maiores (Arxina).
Botan en falta "autocrítica" no plan de desconfinamento da Xunta da Galiza en relación ás eivas na Atención Primaria ou na xestión dos brotes detectados en residencias.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) critica nun comunicado o plan de desconfinamento da Xunta da Galiza pola falta dunha "necesaria autocrítica na xestión do Goberno galego en relación ás residencias de maiores así como da Atención Primaria, antes e despois da epidemia da COVID-19".

O colectivo afirma que a consulta da Xunta ao Comité Técnico de Atención Primaria da Galiza para colaborar no borrador do plan de desconfinamento "chama a atención", despois de que, segundo denuncian, a Administración galega ignorase "documentos moi traballados por profesionais de diferentes sectores cunha análise profunda da situación e das necesidades da Atención Primaria".

"Atopámonos con infraestruturas e persoal insuficiente nos equipos de Atención Primaria para atender todos os pacientes neste período especial, que require escalar as citas", aseguran desde a AGDSP, apuntando así mesmo á carencia de fisioterapeutas, psicólogas e profesionais doutros eidos necesarias para atender "o incremento esperábel de determinadas patoloxías relacionadas coa emerxencia sanitaria e o confinamento".

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública liga as eivas na Atención Primaria "aos recortes do Partido Popular", aos que tamén achaca os brotes da COVID-19 detectados en centros de maiores. 

Reversión de contratos

As integrantes do colectivo valoran que a pandemia do coronavirus tivo na Galiza unha menor incidencia que ligan á dispersión poboacional, á menor aglomeración da cidadanía no transporte ou nos espazos públicos.

A pesar da menor "virulencia" da doenza no país, a asociación sinala que os centros de maiores nos que se detectaron brotes acumulan elevados niveis de contaxios e, nalgúns casos, mortalidade. Dos 573 falecementos rexistrados na Galiza con relación ao coronavirus, 45% son de residentes.

O colectivo fai referencia a un informe do Consello de Contas, o organismo fiscalizador da xestión do sector público galego, de 2017 no que advirte que as cifras de persoal das principais xestoras de centros de maiores, como a Fundación San Rosendo ou DomusVi, "non coincide en número de efectivos co cadro de persoal ofertado para a contratación, apreciándose valores inferiores".

As actas de inspección revisadas polo Consello de Contas salientan que as deficiencias detectadas non foron atendidas. Á escaseza de persoal nalgunhas residencias, a AGDSP engade "irregularidades" no modelo residencial galego, no que as prazas privadas representan case 79% do total, caracterizado pola "falta de control" da Consellaría de Política Social e "eivas nas instalacións".

"Existe unha relación entre as deficientes condicións previas das residencias e a incorrecta xestión realizada pola Xunta, cun elevado número de persoas afectadas tanto entre as internas como entre o persoal", apunta o colectivo.

Para reverter estas deficiencias, a AGDSP propón a "intervención" dos centros que concentraron contaxios, a apertura dunha investigación, a reintegración ao público das residencias concertadas así como o desenvolvemento da Lei de Dependencia da Galiza para atender maiores nos seus propios domicilios.