O número de vítimas mortais do coronavirus na Galiza elévase a 585, 45% delas nas residencias

Membros da UME na desinfección dunha residencia (Marta Fernández/EP).

Os casos activos son 2.808.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza ascende a 2.808. Deles 658 son da área da Coruña, 166 da de Lugo, 462 da de Ourense, 160 da de Pontevedra, 781 da área de Vigo, 455 da de Santiago, e 126 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 30 permanecen en UCI, 206 están en unidades de hospitalización e 2.572 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 6.802 persoas curadas, rexistrándose 585 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 107.957.

Do total de casos en residencias, Sanidade detalla que permanecen 723 casos activos, 446 entre as usuarias e 277 entre o propio persoal. Dos falecementos rexistrados na Galiza relacionados coa COVID-19, 265 corresponden a usuarios e usuarias dos centros de maiores.

Positivos

Na Galiza hai 10.192 persoas con algún test positivo, quer dicir persoas coa enfermidade COVID-19 e aquelas con test de anticorpos positivo sen síntomas no momento da proba. A incidencia acumulada (casos acumulados por 100.000 habitantes notificadas nas últimas 2 semanas é na Galiza de 46,45, superior á media do Estado, que está en 44,24.