Goberno español afirma que a Xunta non comunicou até agora 128 mortes por COVID-19 en centros sociosanitarios

A residencia de DomusVI de San Lázaro, Santiago, unha das máis afectadas.

“Galiza notificou, ademais dos 7 falecemetos de hoxe, 128 defuncións correspondentes a centros sociosanitarios que non corresponden a defuncións actuais e por tanto no se reflicten na columna 'Novos falecementos' mais inclúense no total”. Esta explicación a pé de gráficos e táboas no informe que diariamento realiza o Ministerio de Sanidad do Goberno español sobre a evolución da COVID-19 pon o foco sobre o actuar da Xunta.

Hai, segundo esta actualización do organismo quedirixe Salvador Illa,128 defuncións en residencias que a Xunta non notificara até hoxe. 

Segundo Galicia Press, o Goberno español tamén deixa constancia de que a Xunta tampouco estaba a remitir o número de pacientes que pasaban pola UCI, limitábase a informar dos que había cada día en coidados intensivos. Así, das 73 persoas que a Xunta afirmaba que había na UCI esta terza feira pásase ás máis de 300 de hoxe. Galiza era o único territorio que facía isto.

As cifras, estatísticas e datos teñen unha gran importancia, non só por reflectir unha imaxe real da situación mais tamén porque é en base a eles que se deseñan os diferentes pasos e ritmos da desescalada

Xunta

A información que a Consellaría de Sanidade dá hoxe sobre a evolución do coronavirus difire da que fornecía ao longo de todos estes días de pandemia. “De acordo co novo protocolo establecido polo Ministerio, na información de hoxe, facilítase actualizado o dato de altas epidemiolóxicas, é dicir, pacientes curados. Ata o de agora só se facilitaba o dato de altas hospitalarias”, indican.

Así, o número de casos activos de coronavirus na Galiza ascende agora a 3.526, cando esta cuarta feira estaba a piques de chegar a 7.000. Polo de agora, na Galiza hai un total de 5.393 persoas curadas, rexistrándose 547 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 93.118.