A Xunta prorroga a intervención das residencias do Barreiro, en Vigo, e Cangas

Residencia de maiores de Domus VI en Aldán, Cangas (Imaxe: Domus Vi)
O Goberno galego declarara a súa intención de levantar a intervención dos centros o 1 de maio, mais agora non descarta estendela até máis alá deste mes.

A normalidade non chega aos centros de maiores. Malia a intención declarada do Goberno galego de levantar a 1 de maio a intervención dos xeriátricos de DomusVi O Barreiro, en Vigo, e de DomusVi Aldán, en Cangas, devolvendo a súa xestión á empresa titular, a Administración galega vai manter o control dos centros até 30 de maio.

Segundo fontes da Consellaría de Política Social consultadas por Nós Diario, "a intención é levantar a intervención a finais de mes, aínda que non se descarta que se deba prorrogar a presenza da Xunta nestes centros de maiores até máis alá da data fixada". A situación segue a ser complicada nas residencias. A data de onte, suman 881 persoas contaxiadas, 620 delas residentes e 261 traballadoras. Concentran a porcentaxe máis elevada de afectadas aqueles centros de maiores cun índice superior de letalidade.

A Xunta non descarta prorrograr a intervención máis alá de maio

Así, Nosa Señora da Esperanza, da Fundación San Rosendo, en Ourense, contabiliza 73 contaxios activos entre as persoas usuarias; Santa Teresa de Jornet, na Coruña, 57; DomusVi O Barreiro, en Vigo, e DomusVi de Aldán, en Cangas, o mesmo número, 47 e DomusVi San Lázaro, en Santiago de Compostela, declara 36.

Ademais destes estabelecementos, cun número moito máis reducido de infectadas atópanse até outras 37 residencias no conxunto da Galiza. Os falecementos nos centros de maiores representan 44,7% do total das mortes por coronavirus na Galiza.

Segundo os datos ofrecidos pola Xunta da Galiza, na xornada de onte non se produciu ningún deceso, mais desde o inicio da pandemia faleceron 249 persoas. Os criterios empregados polo Goberno galego para dar conta das cifras de vítimas mortais están provocando as críticas dos colectivos de familiares de usuarias, que esixen cifras desagregadas por centros de maiores, incorporando as residentes falecidas nos hospitais.

Manipulación das cifras das residencias

A Alianza Galega polos Servizos Sociais Públicos para Maiores e Dependentes, entidade que aglutina o Movemento Galego en Defensa das Pensións (Modepen), as Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega) e a Federación de Usuarias e Familiares de Residencias e Dependencia (Rede) incide acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de faltar ao respecto ás vítimas do coronavirus nas residencias galegas.

Neste sentido, sinala que "falla de respecto coas mortas é manipular escandalosamente as cifras, secuestralas e agochalas a prol da súa conveniencia política". "Falla de respecto, señor presidente, cos dramas surrealistas que se viven en DomusVi San Lázaro e na Nosa Señora da Esperanza, convertidas en morgues inmundas, con 80 falecidas, cando as cifras oficiais non pasan de 45", afirman desde a alianza, que tamén se refire nun comunicado de prensa ao "abandono da Residencia San Carlos de Celanova, sen dirección nin médico, con 11 mortos" e aos "bandazos, mentiras e silencios insoportábeis nas residencias da cidade da Coruña", engaden.