Defende A Galega denuncia ante a Valedora do Pobo o incumprimento "reiterado" da Lei de medios

Membros do colectivo Defende a Galega (Foto: Nós Diario).
O escrito da plataforma de traballadoras e traballadores dos medios públicos da Galiza sinalan o quebrantamento da “obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa".

"Case dez anos despois da aprobación da Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, boa parte dos principios inspiradores da norma son incumpridos a diario pola CRTVG".

É a primeira constatación que fai o colectivo Defende A Galega no capítulo de ‘feitos’, nun escrito dirixido á Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño con data deste 10 de xuño, tras tres anos de denuncia pública visíbel a través da redes e dos Venres Negros.

O colectivo de traballadoras e traballadores da CRTVG denuncian o incumprimento reiterado da Lei de medios de 2011 por parte da Dirección Xeral da Corporación, "especialmente aqueles que falan de preservar a obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa e de ser o reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social da Galiza".

Ademais, lembra, "carecemos dun estatuto profesional e dun consello de informativos", mentres que o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo -escollido para o cargo en 2009-, "leva case doce anos exercendo esta responsabilidade de forma interina".

#VenresNegro160CRTVG

Coincidindo co Venres Negro 160, Defende A Galega xustifica a busca de amparo na Valeduría do Pobo "porque o dereito a recibir información veraz é un dereito fundamental" e "porque os medios públicos galegos teñen que selo".

Unha vez máis denuncia o desmantelamento progresivo da Radio Galega e da Televisión de Galicia, "que comezou coa supresión das delegacións territoriais de Pontevedra, A Mariña e Ferrol hai unha década e que continúa hoxe en día coa eliminación das desconexións informativas locais, ignorando, polo tanto, moita da información que está máis preto dos galegos e das galegas".

Mais tamén alude á lingua e ao uso "abusivo" do castelán tanto na radio como na televisión públicas con entrevistas íntegras neste idioma, como foi o caso, en decembro de 2020, da realizada ao ex alcalde de A Coruña, Francisco Vázquez.

Fundamentos

Defende A Galega articula a súa queixa en varios capítulos que van desde o nomeamento da Dirección Xeral, o estatuto profesional e o consello de informativos até o incumprimento de normas básicas para promover a igualdade.

En total, o  colectivo desenvolve nove ideas fundamentais que destapan o quebrantamento da norma de 2011 e xustifican a demanda de amparo. Ademais dos xa nomeados, Defende A Galega refírese ao "control político, manipulación e falta de pluralismo ideolóxico". Unha instrumentalización partidista dos medios que describe con detalle a través de accións habituais, como relegar á parte final dos informativos noticias contrarias aos intereses da Xunta, do PPdeG ou do PP ou obviar noticias contrarias aos propios intereses -os medios públicos non informaron da concesión do Premio José Couso de Liberdade de Prensa a Defende A Galega en 2019-.

"Só entre o inicio da pandemia e finais do mes de maio de 2020 -as eleccións ó Parlamento de Galicia foron en xullo-, os medios públicos transmitiron en directo unha trintena de comparecencias de Alberto Núñez Feixoo, multiplicándose nos informativos as declaracións do presidente da Xunta e do PPdeG, así como as dos conselleiros e as dos membros do partido. Durante ese mesmo período quedou reducida á mínima expresión a presenza dos partidos da oposición e de todos aqueles colectivos ou organizacións críticos", detallan as traballadoras da CRTVG no seu escrito, onde recollen outros acontecementos ben de ocultación ben de noticias que directamente "asumiron" a nota de prensa enviada pola Xunta.

Liberdade de expresión e igualdade

Defende A galega, pon o foco na supresión da información local, no camiño que está abrindo o castelán na CRTVG malia a creación de iniciativas tan gabadas como o Dígocho eu!, o esnaquizamento do Diario Cultural, o desmantelamento da televisión e da radio, agravado pola pandemia, sen apenas produción propia, sen persoal suficiente, suplindo as carencias de medios humanos e materiais con reemisións de programas e externalización de servizos.

A plataforma de traballadoras e traballadores da CRTVG tamén sinala a ausencia de programación infantil, a falta de respecto á liberdade de expresión que atopan nos medios públicos e o xa mencionado incumprimento das normas básicas para promover a igualdade. Denuncian falta de control de comentarios machistas dos programas externos e un aumento preocupante de contidos sensacionalistas.