venres 25/06/21

A TVG fai pasar por unha testemuña de rúa da vacinación a un xefe dos seus informativos

Defende A Galega, plataforma de traballadoras da canle pública, denuncian o acontecido nunha edición do Telexornal Mediodía. As persoas críticas coa xestión da CRTVG ven nesta elección da testemuña "preguiza informativa ou cámara de eco?".
Imaxe distribuída pola plataforma a través dun vídeo. (Foto: Defende A Galega) #defendeagalega #crtvg #tvg #vacinación #coronavirus #testemuña #informativos
Imaxe distribuída pola plataforma a través dun vídeo. (Foto: Defende A Galega)

A radio e a televisión públicas galegas están a elaborar pezas informativas sobre a campaña de vacinación contra a Covid-19 da Xunta da Galiza. As novas teñen maior ou menor nesgo político segundo o punto de vista de cada espectadora, mais a plataforma Defende A Galega denuncia certa manipulación na elección dunhas das últimas testemuñas elixidas nos informativos da TVG.

Nunha mensaxe a través das redes sociais, este colectivo de persoal -que vén denunciando a xestión do ente público desde hai anos con campañas coma os Venres Negros- rexeita a aparición do director do Telexornal Mediodía como "testemuña" do proceso de inoculación entre as e os galegos de 40 a 49 anos.

Con independencia de que o responsábel do informativo poida estar dentro desa franxa de idade, as verbas da plataforma amosan o malestar pola elección pois detectan un interese ou liña política nesa pequena entrevista ao facelo pasar por unha persoa calquera que camiñaba pola rúa.

De feito, é o que entenderon moitas usuarias das redes sociais, que ao ler o chío das e dos traballadores lamentan que nin sequera "haxa disimulo" por parte da Xunta e da televisión pública para buscar un punto de vista positivo ao traballo do Sergas nestes momentos da pandemia.

Ademais, segundo destacan as empregadas, o vídeo que foi como tema do sumario ao entender a súa "transcendencia social e política" foi feito nos "xardíns da TVG".

Neste caso nin houbo unha saída ás rúas para falar coa cidadanía nin achegamento á Cidade da Cultura, onde está a ser tratada a poboación da contorna de Compostela, pois a CRTVG "fai pasar por un cidadán da rúa" ao seu alto cargo na estrutura dos informativos.

No seu breve discurso, o futuro vacinado di que viu a súa cita na plataforma móbil do Sergas e tamén lle chegou unha mensaxe de aviso. Aliás, confirma que se vai sentir "máis seguro" coa súa familia e se vai de vacacións unha vez poida ter a inoculación do tratamento nestes próximos días.

Fronte a esta elección noticiábel, Defende A Galega pregúntase se foi por "preguiza informativa ou cámara de eco?". Así, volven lanzar o cancelo #PorUnhaNovaCRTVG.

A TVG fai pasar por unha testemuña de rúa da vacinación a un xefe dos seus informativos
comentarios