Decretan o arquivo provisional da causa contra Xácome por suposta malversación de fondos públicos

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
O alcalde de Ourense asegurou que a súa xestión de Democracia Ourensá (DO) é "impoluta".

O Xulgado de Instrución número 2 de Ourense decretou o sobresemento provisional da causa por un suposto delito de malversación de fondos públicos contra o rexedor municipal de Ourense por Democracia Ourensá (DO), Gonzalo Pérez Xácome.

Os feitos investigados partían dunha denuncia anónima que acusaba o rexedor dun posíbel desvío de 100.000 euros das contas do seu partido entre 2015 e 2018, nos cales Xácome era edil na oposición.

En concreto, o Ministerio Público estudaba a retirada de dous cheques por parte do líder de Democracia Ourensá dunha contía de 20.000 e 30.000 euros cada un. Ademais, tamén investigaba os pagos do grupo municipal pola licenza do espazo de televisión de Auria TV, propiedade do actual rexedor municipal.

Xa no pasado mes de marzo a propia Fiscalía solicitaba o sobresemento da causa. Anunciábao o rexedor municipal a través das súas redes sociais e tamén DO mediante un comunicado, afondando en que, "a través dun informe claro e contundente", a Fiscalía "examinara todos e cada un dos movementos" considerando que "estaban xustificados e que non existía ningún indicio incriminatorio" e por iso pedían o sobresemento.

Nese mesmo comunicado, engadían que a Fiscalía afirmaba que "todas as facturas foron achegadas no seu momento ao Tribunal de Contas e non formulou ningunha obxección respecto diso". Para o alcalde, isto confirmaba "o que sempre se mantivo, que as acusacións non tiñan ningunha base".

Xestión "impoluta"

Nun comunicado publicado esta terza feira, Xácome relata que tivo que declarar en calidade de investigado polos presuntos indicios de malversación de fondos públicos e que, cando o fixo, "a propia Fiscalía retractouse e pediu o sobresemento", así que agora celebra que "a xustiza arquiva a causa", aínda que sexa de forma provisional.

"Non lle dei demasiada importancia no seu día, xa sabía que era unha denuncia máis sen base e tampouco me sorprende agora", manifestou, engadindo que si que lle "chama a atención" como "sen base algunha" a oposición "criticou e pediu a miña dimisión sen sentido". Ademais manifestou que "queda demostrado" que a xestión do seu partido "é impoluta".

Nesta mesma liña, afirmou que no Partido Popular "queda en dúbida o seu criterio e responsabilidade" xa que, "por unha causa previa case idéntica, tamén arquivada" abandonaron o grupo de goberno.

No novo auto, con data do 15 de xuño, o escrito recolle que "non aparece debidamente xustificada a perpetración do delito", que deu motivo á formación da causa polo que se procede a decretar o sobresemento provisional das actuacións.