A Fiscalía pide o arquivo da denuncia por malversación de fondos públicos contra Xácome

Para o alcalde de Ourense, a solicitude de arquivo da Fiscalía confirmaría "que as acusacións non teñen ningunha base".
Pérez Xácome no pleno no que se enfrontou a unha moción de confianza. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Pérez Xácome no pleno no que se enfrontou a unha moción de confianza. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A Fiscalía vén de mudar o seu criterio e solicita agora o arquivo da denuncia por malversación de fondos públicas que pesa sobre o actual alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome.

O rexedor foi acusado de xeito anónimo dun presunto delito de malversación de fondos pertencentes ás contas da formación política pola que é alcalde, Democracia Ourensá (DO). En concreto, investígase un presunto desvío de 100.000 euros entre os anos 2015 e 2018.

Segundo a acusación que presentou nun primeiro momento a Fiscalía, Xácome serviuse de facturas, transferencias e talóns bancarios, vencellados a supostos servizos prestados pola súa empresa de televisión cando aínda non exercía o actual cargo, para malversar estes 100.000 euros.

Ademais, tamén presentou varios testemuños de colaboradores do alcalde de Ourense, aos que presuntamente obrigaba a entregar parte dos seus salarios e retribucións a través de transferencias ou en metálico, sen emitir ningún tipo de comprobante ou recibo cos que facer constar eses ingresos na declaración da renda.

Declaracións de Xácome após a decisión da Fiscalía

Unha vez se fixo pública a decisión da Fiscalía, o propio Xácome asegurou que, despois de que se examinasen "todos e cada un dos movementos" de fondos realizados, "non existe ningún indicio incriminatorio", porque, segundo el, "están xustificados".

En DO afirman que "todas as facturas que foron obxecto de pago figuran na contabilidade de Democracia Ourensá e foron achegadas no seu momento ao Tribunal de Contas, que non formulou ningunha obxección ao respecto".

Para o alcalde de Ourense, a solicitude de arquivo da Fiscalía confirmaría "que as acusacións non teñen ningunha base".

Comentarios