Decretado o sobresemento provisional da causa sobre as irregularidades nas contas de Democracia Ourensá

A Audiencia de Ourense decretou o sobresemento provisional da causa sobre presuntas irregularidades nas contas de Democracia Ourensá ao revogar, como pedía o Ministerio Público, o auto ditado o 7 de xullo polo Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense, no que reabría o caso porque consideraba que existían indicios de malversación de fondos.

EuropaPress_2365819_alcalde_ourense_gonzalo_perez_jacome
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Europa Press)

Nun auto con data desta sexta feira e do que informou o TSXG, a Sala explica que a denuncia inicialmente formulada pretendía "examinar a tipicidade penal das supostas doazóns forzosas" que realizaba o persoal eventual contratado polo grupo político Democracia Ourensá, liderado polo alcalde de Ourense, Gonzálo Pérez Xácome.

A este respecto, entende que "non cabe, vía recurso de reforma, ampliar o obxecto do proceso penal, desprazalo do seu primitivo obxecto e introducir un novo". Para iso, considera necesaria a "interposición dunha nova denuncia na que se precisen as condutas anómalas ás que se atribúe transcendencia penal, o que non ocorre na presente denuncia".

"Non se prexulga na presente resolución o fondo do asunto que se introduce vía recurso", advirten os maxistrados, que recalcan que, "por unha cuestión formal", de "adecuación procedemental", estiman que "non procede a análise de feitos e condutas que non foron obxecto de denuncia, nin resultaron da previa instrución penal, todo iso sen prexuízo das accións que a parte estime exercitar ante as xurisdicións oportunas".

O tribunal incide en que o procedemento penal "non é o mecanismo adecuado para obter claridade sobre a contabilidade do partido, nin sobre o destino das cantidades por este percibidas", á vez que engade que nel se investigan "feitos tipificados como delito, sen que poida ser empregado dunha forma prospectiva, como causa xeral, para a obtención de información".

Ademais, lembra que a Lei Orgánica 8/2007 de Financiamento de Partidos Políticos prevé "mecanismos para coñecer e esixir a rendición de contas aos órganos de goberno destes". O auto é firme e contra el non cabe recurso.

Xácome di que ten "preocupación cero"

Ao asunto referiuse esta sexta feira o alcalde e líder de Democracia Ourensá, Gonzálo Pérez Xácome, no pleno municipal ao asegurar que "no mesmo día no que os tránsfugas anuncian que se van presentar ás eleccións" cun "novo partido político", a Audiencia "arquiva" a súa denuncia contra el "acusándoo de todo".

"Eu non lle dei moita importancia cando me denunciaron, vostedes pódeno lembrar, e tampouco lla dou ao arquivo porque eu sabía que non había nada", manifestou Xácome, que insistiu en que ten "preocupación cero" ao asegurar que "quen sabe como están as cousas" é el.

Así, chanceu con que "dicían que" o "ían deter". "Eu sempre dixen: 'sí en helicóptero'. Ían vir por terra mar e aire", afirmou para subliñar que o asunto está "arquivado non por un xuíz", senón pola Audiencia, "que son 3".

Comentarios