O debate sobre os ventres de aluguer reavívase. Cales son as posturas e argumentos?

Unha muller embarazada. (Foto: Nós Diario)
O PP móstrase a favor de regular os ventres de aluguer, mentres que o Ministerio de Igualdade e o BNG, entre outros, posiciónanse en contra.

O debate acerca dos ventres de aluguer volve estar de actualidade. O PP, o Goberno do Estado e o BNG entre outros, xa mostraron ou reiteraron a súa postura ao respecto.

O PP dirixido por Alberto Núñez Feixoo ábrese a regular os ventres de aluguer no Estado español coa condición de que quede claro que "non pode haber ningún tipo de pago ou contraprestación económica á nai xestante por ter un bebé", segundo indicaron fontes da dirección estatal do partido, que lembran que agora é unha práctica "ilegal".

Este asunto converteuse no foco informativo despois da decisión de Ana Obregón de ser nai por ventre de alugueiro en Estados Unidos. "É un aspecto complexo, que merece de debates profundos e serenos, xa que afecta moitas cuestións morais, éticas, relixiosas, con moitas opinións por parte da sociedade", declarou perante os xornalistas a secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, ao ser cuestionada por este asunto.

En 'Xénova' insisten en que os ventres de aluguer requiren un debate "sosegado, pausado e serio" e destacan o "baleiro que hai neste momento neste asunto, dado que hai familias que viaxan a outros países para facer esta práctica e logo os consulados acaban inscribindo os nenos como españois". Por iso, cren que sería bo regulalo, dado que agora é "ilegal".

Trátase da primeira vez que o PP fala abertamente da necesidade de regular este asunto. No último congreso do PP con relatorios, en febreiro 2017 con Mariano Raxoi como presidente, o partido xa recoñecía que o debate está aí.

Posición de Montero

Pola súa parte, a ministra de Igualdade, Irene Montero, lembrou que a nova Lei de dereitos sexuais e dereitos reprodutivos recoñece os ventres de aluguer como "non legal", como "unha forma de violencia contra as mulleres".

"Nunca se esquezan das mulleres que están detrás, hai un rumbo de discriminación por pobreza. Non se esquezan de que é un práctica que non é legal en España, que está recoñecida como unha forma de violencia contra as mulleres", sentenciou Montero.

Así o manifestou a ministra de Igualdade en declaracións aos medios no Congreso dos Deputados, en referencia á decisión de Obregón.

Neste contexto, advertiu de que as mulleres que dan a luz por ventre de aluguer son "mulleres precarias" que están "nunha situación de pobreza e de absoluta precariedade".

Posición do BNG

No caso do BNG, a través dun comunicado a formación nacionalista incidiu en que “os ventres de alugueiro son unha explotación máis do corpo das mulleres máis empobrecidas e vulnerábeis, polo que esiximos a súa erradicación e se opómonos firmemente á súa legalización, regulamentación e banalización”.

Para alén diso, desde o BNG reivindican que “non é unha necesidade vital ter descendencia biolóxica, polo que a maternidade non se pode considerar un dereito como tal. Ante a premisa patriarcal, cómpre insistir en que unha muller non é menos muller por non ser nai biolóxica”.

Datos

Os consulados españois no estranxeiro realizaron en 2022 até 162 inscricións de bebés por ventres de aluguer, segundo aseguraran fontes diplomáticas.

A pesar de se tratar dunha práctica ilegal no Estado español, este permite o rexistro dos fillos de parellas españolas que recorresen a esta práctica no estranxeiro. E, até o ano 2019, facíao por dúas vías.

A primeira a través da instrución do 5 de outubro de 2010 que recolle que a inscrición "só poderá realizarse presentando, xunto á solicitude de inscrición, a resolución xudicial ditada por Tribunal competente na que se determine a filiación do nado". Este é o caso, por exemplo, dos Estados Unidos.

A segunda é consecuencia do terceiro punto da Lei de Reprodución asistida sobre "a posíbel acción de reclamación da paternidade respecto do pai biolóxico". Isto permite inscribir un fillo no Rexistro Civil cunha proba de ADN do pai, que nos casos de xestación subrogada adoita ser o doante.

Até o ano 2019 este era o recurso que utilizaban moitas embaixadas españolas para aceptar a petición de inscrición no rexistro civil en países nos que a práctica é legal, pero non se ditan sentenzas de filiación, como Ucraína ou Xeorxia. Nestes casos, a inscrición realizábase cunha proba de paternidade a través do ADN.

En febreiro de hai catro anos, o Estado español emitiu unha instrución que xeneralizaba a admisión de probas de ADN nestes países. Con todo, semanas despois anulábaa nun texto no que, ademais, advertía de que "perseguirá" as axencias e estabelecementos que ofrecen estes servizos e que se "lucran conducindo por centos de parellas a procrear en terceiros países mediante esta actividade".

E nos Estados Unidos?

EUA si que facilita sentenzas de filiación polo que os fillos nados por xestación subrogada neste país si poden ser inscritos no rexistro español.

Ademais, os fillos nados nos Estados Unidos son automaticamente cidadáns dese país polo feito de nacer no seu territorio xa que opera o denominado Ius soli fronte a Estados como o español, onde opera o ius sanguinis (o menor adquire a nacionalidade dos pais independentemente de onde nacera).