Pontón pide incluír cláusulas de igualdade na contratación pública

O BNG avanza o impulso dunha "axenda feminista".
ana pontón rubén arroxo lugo
photo_camera Pontón visitou onte Lugo para coñecer de primeira man o traballo de peonalización da cidade (Foto: Nós Diario)

O 8-M deixou "claro" na Galiza que "o feminismo non é unha moda" e que a reclamación dfe "máis dereitos, igualdade e liberdade" polas mulleres é cousa dos "365 días do ano". Así se manifestou onte en Lugo, Ana pontón, a portavoz nacional do BNG, que anunciou que a fronte nacionalista vai impulsar unha "axenda feminista galega" perante catorce anos dun "Executivo do PP que arrastra os pés cando se trata de mellorar os dereitos das mulleres".

A líder da oposición declarou que o BNG porá a igualdade no centro, con medidas como a creación da Valedora da Igualdade, un organismo autónomo con capacidade de impulsar sancións,  cuxa finalidade é velar pola garantía dos dereitos das mulleres no sector privado, promovendo a igualdade e loitando contra a discriminación.

"Trátase de poñer a Galiza na vangarda do feminismo cun modelo que xa existe nos países nórdicos, un mecanismo de escoita para o que nos piden as mulleres nas rúas", subliñou.

A segunda das medidas centraríase en que as políticas de contratación pública introduzan cláusulas de igualdade: "Impulsaremos unha lei que blinde esas cláusulas de igualdade para que non se financie a discriminación con diñeiro público", concluíu.

Lugo peonalizado

Pontón visitou onte Lugo para coñecer de primeira man o traballo de peonalización da cidade, un proxecto impulsado por Rubén Arroxo, tenente de alcalde do Goberno municipal e candidato á Alcaldía pdo BNG o vindeiro 28-M.

A portavoz nacional declarou que “hoxe Lugo é unha cidade con máis calidade de vida grazas ás actuacións do BNG dende o Goberno" e asegurou que “a veciñanza de Lugo quere que a súa cidade siga avanzando e mellorando equipamentos e infraestruturas e que sexa un referente en cultura".

Rubén Arroxo, pola súa parte,  explicou como "gañamos 15 rúas para a xente e dinamizamos" a cidade, salientando o compromiso cumprido.

Comentarios