A Coruña berra nas rúas "non á guerra"

Concentración na Coruña en contra da intervención bélica en Ucraína.(Foto: Nós Diario).
A concentración foi convocada pola Plataforma galega contra a OTAN, que reclama o fin da intervención militar rusa en Ucraína e o impulso da vía diplomática para evitar a escalada do conflito.

Arredor de 150 persoas concentráronse onte diante da Delegación do Goberno estatal na Coruña para rexeitar a “intervención militar de Rusia en territorio ucraíno”, destaca a Plataforma galega contra a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que convocou a mobilización.

Baixo o lema "pola paz e a soberanía dos pobos. Non á guerra!", as e os manifestantes reiteraron consignas en contra do conflito. Desde a plataforma cuestionaron o papel da Unión Europea (UE) "como monicreque" dos intereses da OTAN e dos Estados Unidos.

Tamén acusaron a Josep Borrell, alto representante da UE para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, de avivar a escalada da tensión na zona, preocupándose unicamente das consecuencias económicas e políticas e non “das que traen para a poboación”.

A entidade, da que forman parte organizacións como o Bloque Nacionalista Galego ou a Confederación Intersindical Galega,  salientou que a intervención pode dar “lugar a unha escalada  de consecuencias imprevisíbeis”, polo que reclamou diplomacia "como única vía para a resolución do conflito”.

Aínda que “condenamos a intervención militar rusa enerxicamente, non deixamos exenta de responsabilidade á OTAN e aos EUA”, que levan “tempo propiciando esta situación cunha provocación total nos últimos 8 anos”, apunta Xosé Lois Ribera, membro da plataforma.

Esas accións, o trato “racista e xenófobo” coa poboación rusofalante e o intento de que Ucraína entre na OTAN aínda contradicindo os acordos de Minsk son o xermolo deste conflito, asegura.

Para volver á vía diplomática téñense que respectar eses acordos, reitera, o Exército ruso ten que retirarse do país, mentres que Ucraína tería que comprometerse a non entrar na OTAN.

En última instancia, exixe a “neutralidade activa do Estado español”, así como a “retirada inmediata das tropas españolas enviadas á zona”.