Solidariedade desde a Galiza co pobo ucraíno após a escalada do conflito

As forzas políticas do país reclaman por unha banda apoiar as medidas que asuma a Unión Europea e pola outra a "neutralidade activa" do Estado e o impulso da vía diplomática.
Edificio danado en Kharkiv. (Foto: Ukrinform / dpa)
photo_camera Edificio danado en Kharkiv. (Foto: Ukrinform / dpa)

A “operación militar especial” emprendida por Rusia en Ucraína para “protexer as persoas [de fala rusa] que foron obxecto de abuso e xenocidio”, e máis para “desnazificar” o país e frear a expansión da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que os Estados Unidos cualifican de “ataque non provocado e inxustificado”, recibiu onte a atención das forzas políticas e institucións galegas.

Por parte do Goberno, integrado por membros do Partido Popular, o vicepresidente Alfonso Rueda transmitiu “a solidariedade co pobo ucraíno”, así como o apoio “á posición do Executivo estatal e á Unión Europea nas actuacións que se levan a cabo en resposta ao ataque que se produciu”. Unha posición que ratificou o presidente, Alberto Núñez Feixoo.

Ao tempo, a líder da oposición e voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, rexeitou “de forma contundente os bombardeos en Ucraína”, e exixiu “que se retome a vía diplomática, porque a diplomacia é a vía para poder solucionar este conflito”, enviando a súa solidariedade coa poboación ucraína, xa que será “quen pague as consecuencias".

Nesa liña, reclamou que sexan organismos como a Organización das Nacións Unidas ou a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa as que dirixan “no marco da diplomacia” unha “solución estábel e duradeira”, que só pode comezar cunha “desescalada militar”.

O primeiro paso, apuntou Pontón, é “a retirada das tropas rusas e un compromiso da OTAN de frear o seu avance cara ao leste”, recuperando os “acordos de Minsk con garantías de todas as partes de que se van cumprir”.

Con respecto á presenza de efectivos militares españois navais e aéreos nos países limítrofes con Rusia, como parte do despregue da OTAN, o principal partido da oposición exixiu ao Goberno estatal unha posición de “neutralidade activa”, acompañada da retirada das tropas na zona, destacando que se o Estado español quere axudar a resolver o conflito ten que “apoiar e reforzar a vía diplomática”.

Desde o Partido dos Socialistas de Galicia tamén transmitiron a súa solidariedade coa poboación de Ucraína e a “defensa dos valores democráticos que encarna a Unión Europea”.

O secretario xeral da formación, Valentín González Formoso, destacou a “tristura de volver ver en Europa os horrores da guerra”, acusando Rusia de “estar obsesionada con volver a 1919, aínda a costa de ver morrer persoas”. Con todo, agarda que a “Unión Europea demostre ser unión e europea”, resolveu.

Comentarios