A receita de Feixoo para a Atención Primaria: médicos sen especialidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
O presidente da Xunta quéixase da falta de profesionais da medicina no sistema público. Ante esta situación, mesmo aposta na automatización das altas sanitarias, se ben opina que de saír adiante esa idea debería ser común para todo o Estado español.

A Xunta considera oportuno facer a contratación de persoal médico sen especialidade "polo menos durante as próximas semanas" para dar resposta á maior carga de traballo da Atención Primaria -xa habitualmente colapsada, segundo o seu propio persoal- debido ao incremento dos contaxios da Covid-19.

Así o manifestou esta cuarta feira o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, que opina que estas fichaxes implicarían darlles carga de traballo como "técnicos de saúde" para axudar a aliviar a carga burocrática no servizo.

Por exemplo, fala de que unha das funcións destes profesionais sería "desbloquear" altas e baixas, pois hai "problema de falta de médicos".

Feixoo asegurou, durante unha visita a Carballo, que o seu Executivo leva advertindo "máis dun ano" que existe unha carencia de persoal facultativo no Sistema Nacional de Saúde.

"Necesitamos máis médicos porque cada vez que un se xubila, está de baixa ou en exercicio do seu dereito vacacional non podemos substituílo en moitos casos", lamentou, obviando as acusacións que se deron ao longo dos seus mandatos sobre os recortes na sanidade pública galega

Incorporacións adicionais

Mesmo defendeu que a Xunta reclamou un MIR extraordinario para médicos de familia e pediatras de Primaria, ou que se activen "ao máximo" as convalidaciones de títulos de médicos especialistas formados noutros países.

"Pedimos un incremento de médicos en formación para poder atender os problemas derivados da falta de facultativos, pero non fomos, non sei se escoitados, pero non atendidos nas nosas propostas", criticou, destacando a incorporación puntual pola evolución da pandemia no país de persoas expertas que xa estaban xubiladas.

"E adicionalmente expuxemos poder contratar licenciados en Medicina, que non especialistas, para poder desbloquear as altas e baixas médicas, aínda que non fagan clínica", insistiu, volvendo a unha idea que avanzara o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Neste intento de reducir a burocracia, o líder do Goberno galego foi máis alá ao considerar que sería "posíbel" automatizar o sistema de altas neste contexto do coronavirus. "Pero queremos que a medida sexa homoxénea para todo o Estado e conte co aval do Ministerio de Sanidade e, sobre todo, co de Traballo", aclarara García Comesaña.