Coronavirus Galiza: Feixoo aposta no mantemento das restricións até que baixen os contaxios

Varias persoas consumen nunha terraza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, recoñece parte do discurso que denuncian os equipos sanitarios nesta sexta onda: Hai "tensións na sanidade, especialmente na Atención Primaria". Por iso confía en que o subcomité clínico acorde manter as limitacións máis aló do 18 de xaneiro.

Á espera de que transcenda o que se decida na reunión do subcomité clínico, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xa avanzou esta cuarta feira que é partidario de manter as restricións actuais -entre as que están os feches adiantados da hostalaría e o uso ampliado do Certificado Covid, entre outras cuestións- máis aló do 18 de xaneiro, tal e como estaba previsto.

O representante do Goberno galego, que falou nunha visita a Carballo, garantiu que malia a alza de contaxios do coronavirus a situación sanitaria do país "non é preocupante".

Porén, considera oportuno que se manteñan as limitacións "nas próximas semanas" até que a curva dos contaxios vaia cara abaixo.

"Parécenos que, mentres que non baixe a incidencia, debemos manter con carácter xeral as decisións que tomamos en días anteriores. Son decisións de mínimos, mínimas: mantemos a hostalaría con horarios normais e o lecer nocturno até as tres, que neste momento de contaxio masivo por ómicron, parécenos unha proposta razoábel", aclarou sobre o punto de vista do seu equipo.

Aliás, interrogado polos medios de comunicación, recoñeceu parte da denuncia que fan as e os traballadores do Sergas nas últimas datas. Existen, dixo, "tensións na sanidade, especialmente na Atención Primaria".

Se ben é certo que quixo puntualizar que o "99,3% das persoas contaxiadas están nas súas casas", asumiu que hai un incremento das hospitalizacións en unidades convencionais. Na UCI, pola contra, considera a evolución controlada e "estábel".

Por outra parte, e obviando o feito de que a Xunta eliminou hai escasos días algúns dos supostos para practicar exames de saúde a contactos estreitos de positivos por Covid-19, Feixoo destacou o papel do seu Goberno na realización de test de antíxenos. 

Así, remarcou que o "obxectivo" da Galiza é coñecido: "Vacinar, facer test e pedir responsabilidade".